As persoas interesadas poderán seguir entregando os seus xoguetes ata o 5 de xaneiro
O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, e a concelleira de Turismo, Hostalería e Comercio, Diana Cabanas, visitaron esta mañá A Casa dos Xoguetes, unha iniciativa municipal que permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 5 de xaneiro na Oficina Municipal de Información ao Consumidor, no número 8 da Costa da Palloza.
A Casa dos Xoguetes é unha campaña pensada para fomentar o consumo consciente e responsable e darlles unha nova vida a aqueles bonecos e xogos en bo estado que non se usan. As persoas interesadas poden entregar xoguetes que cumpran coas normativas europeas para o seu uso e estean destinados a nenos e nenas de ata 14 anos. Acéptanse un máximo de 10 xoguetes por usuario ou usuaria.
A día de hoxe, e tras abrirse a campaña o pasado 1 de decembro, recolléronse un total de 4.926 xoguetes e xa foron entregados a outros usuarios e usuarias 2.708. O obxectivo é superar as cifras do ano pasado, cando se recibiron 8.031 bonecos e xogos e foron reutilizados 6.097.
“O Goberno de Inés Rey busca con esta iniciativa contribuír a fomentar un consumo responsable entre a cidadanía, alongando a vida útil dos xoguetes dun xeito solidario e desinteresado, axudando ao mesmo tempo a reducir os residuos xerados na cidade”, apuntou Gonzalo Castro durante a visita. Os horarios de apertura da Casa dos Xoguetes son os seguintes: de luns a venres das 10.00 ás 19.00 horas e sábados das 10.00 ás 14.00 horas.
Funcionamento e actividades paralelas
O procedemento consiste na entrega de xoguetes e o seu cambio por cupóns, cuxa cantidade dependerá do tipo de xoguete. Entregarase un cupón polos xoguetes pequenos, dous polos medianos, tres por libros e contos, sete por xoguetes de tipo disfraces ou xogos de mesa e dez por xoguetes grandes. Posteriormente a persoa usuaria poderá intercambiar eses cupóns por outros xoguetes entregados na OMIC e que se adapten as súas necesidades e gustos.
Ademais, o Goberno de Inés Rey promove un completo calendario de actividades para a cativada de 4 a 10 anos de idade para favorecer a concienciación sobre a economía circular e o coñecemento desta iniciativa. Todas as actividades, cuxos horarios e contido se detallan no tríptico adxunto, son de balde e a súa inscrición farase na propia OMIC 15 minutos antes do seu comezo. A capacidade é de 9 nenos ou nenas por sesión.