O alcalde de Ribeira Luís Pérez Barral, o concelleiro de Deportes Xabier Vidal Peón e as concelleiras Herminia Pouso, Antía Alberte, Tania Redondo, Cruz Rivadulla recibiron hoxe no Concello de Ribeira aos deportistas do Club de Taekwondo Natural Sport.
O edil de Deportes parabenizou aos deportistas polos éxitos acadados recentemente e animou a que sigan esforzándose para acadar novas medallas e títulos. “É un orgullo contar con deportistas de alto nivel no noso concello, estamos seguros de que acadaredes novos éxitos proximamente” aseverou Vidal Peón, quen avanzou que o goberno local vai seguir apostando polo deporte de base e colaborando con todas as entidades deportivas para que poidan seguir desenvolvendo a súa actividade no municipio.
Pérez Barral felicitou ao deportistas pola súa traxectoria xa que dende cativos estiveron adestrándose e agora “recollen o froito de tantas horas de dedicación e esforzo sobre o tatami e son exemplo en valores como a disciplina, a perseverancia e o respecto”. O rexedor ribeirense tampouco quixo esquecer os adestradores Adri Jiménez, Raúl Bouzas, Osiris Romay Pablo Carou e Juan Luis Martínez aos que lle recoñeceu a súa dedicación para formar a todos estes deportistas. “Estades apostando pola xente da casa e iso é unha honra para o club e para Ribeira”.
Pola súa banda o director deportivo do Club Natural Sport Juan Luis Martínez, expresou a súa gratitude pola disposición do goberno municipal a colaborar sempre co club e ter as portas abertas en todo momento a novas propostas de traballo. Martínez asegurou que Ribeira está sendo un referente nesta disciplina deportiva e informou que en xaneiro visitará a localidade para impartir un curso, Dragan Jovik, o mellor adestrador do mundo distinguido pola Federación Mundial ao ter medallas Olímpicas, europeas e mundiais. “Só imparte dous cursos anuais e un dos lugares que escolle sempre é Ribeira” asegurou. “Este ano virá acompañado de Nebojsa Sakic, preparador físico, que impartirá unha parte do curso exclusiva para adestradores”.
Breve currículo dos deportistas
Irene Montemuíño, acadou no pasado Europeo S21 a medalla de bronce e xa foi campioa de España en varias ocasións. Na actualidade está situada entre as 15 primeiras deportistas da clasificación mundial.
Lois Tomás, acaba de gañar o ouro estatal en S21 e a prata en absoluto. Este ano participou en numerosos internacionais e xa está clasificado para o vindeiro torneo estatal de taekwondo. Está sendo un dos deportistas con máis proxección.
Noa Romero, aínda en idade júnior, acaba de obter a medalla de bronce no Europeo S21. Noa xa foi campioa de estatal júnior e cadete. Nestes intre xa está clasificada para o estatal absoluto.