Unha semana máis, A Pobra do Caramiñal repartiu ilusión en formato de caramiñas coa acción dirixida ás redes sociais no seo da campaña Consegue Caramiñas, Comparte Nadal. As novas persoas agraciadas recibiron da man da concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, cadanseu vale/caramiñas por un importe de 200 euros para trocar nos comercios e locais adheridos.
Ata finais de ano, as instantáneas poden seguir optando a acadar estes premios e, xa do día 1 ao 5 de xaneiro, entrarán no sorteo da viaxe familiar a Eurodisney para catro persoas que patrocina a empresa Congalsa.
Para participar é preciso comparti-las fotografías tomadas nos photocall coñecidos como Recunchos do Nadal nas historias do Instagram, que debe ser público, mencionando a conta @caraminhasnapobra. Os ditos espazos están habilitados na Covecha, na praza de Galicia, na praza dos Irmáns Axeitos, no Mercado do Nadal, no parque de Raquel Fernández Soler, no Fogar do Nadal e na praza Victoriano García Martí.