Trenor destaca que estas actuacións mellorarán o día a día da comunidade educativa con centros con maior confort térmico e máis accesibles
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, anunciou hoxe a licitación da reforma das instalacións térmicas do IES Monte Neme por máis de 412.000 euros. A finalidade do novo proxecto é substituír as tres salas de caldeiras repartidas polos distintos módulos do centro, por unha nova centralizada.
Para ela utilizarase un almacén existente que se amplía, onde se localizarán as tres novas caldeiras de 128 kW cada unha, sendo a potencia total 384kW, así como os depósitos de pellets, depósitos de inercia e demais instalacións necesarias. Toda a instalación complétase con tubaxes de conexión illadas, para levar a enerxía a todos os módulos do centro educativo. O prazo de execución desta actuación é de 3 meses.
O representante do Goberno galego destacou que todas estas obras se enmarcan no Plan de Nova Arquitectura, a folla de ruta da Xunta para a modernización dos centros, e teñen como obxectivo mellorar o día a día dos membros da comunidade educativa, acadando centros con maior confort térmico e máis accesibles, entre outros beneficios.
Obras centros educativos Bergantiños-Costa Morte
Esta nova intervención súmanse ás que o Goberno galego está executando en toda a comarca. Concretamente, a Xunta de Galicia está a investir case 4,7 millóns de euros en 31 actuacións que inclúen 13 grandes obras en Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Cee, Coristanco, A Laracha, Laxe, Ponteceso e Fisterra, a instalación de placas fotovoltaicas en centros educativos de Carballo e Cee e 17 obras menores en 13 colexios e institutos da comarca de Bergantiños-Costa da Morte.