Os terreos corresponden a 13 parcelas polas que as empresas pagarán algo máis de 2 M€
A Xunta de Galicia adxudicou a semana pasada máis de 24.400 metros cadrados de solo empresarial agrupado en 13 parcelas dos parques empresariais de Morás (Arteixo), As Gándaras (Lugo), A Reigosa (Ponte Caldelas), Muimenta (Cospeito) e Mos.
O acordo aprobado na comisión executiva da empresa pública Xestur supón que as empresas adxudicatarias dos terreos pagarán por este solo algo máis de 2 millóns de euros, unha vez aplicada unha bonificación de máis de 1,15 millóns de euros.
O Executivo galego adxudicou desde 2015 -ano no que comezou a aplicar bonificacións sobre o prezo do solo empresarial- máis de tres millóns de metros cadrados nos parques promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e Xestur, con bonificacións que superan os 86 millóns de euros.
A Xunta é a única das administracións promotoras de solo empresarial que bonifica o prezo da totalidade do solo que vende, facilitando así o asentamento de empresas e a creación de postos de traballo na súa contorna.