— O Goberno galego incrementa nun 20% o orzamento para estas bolsas para paliar o efecto da inflación e garantir a igualdade de oportunidades
— Por universidades, 31 beneficiarios son da de Santiago de Compostela, 23 da de Vigo e 11 da da Coruña, e o 74% deles son mulleres
— O país ao que se desprazan máis estudantes é Chile (15 estudantes) seguido de Arxentina (13) e México (10)
Un total de 65 estudantes das tres universidades públicas galegas participan este curso en programas de mobilidade de estudantes universitarios en países extracomunitarios fóra do programa Erasmus+ co apoio da Xunta. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución desta convocatoria, para a que o Goberno galego destina este ano 284.000€, un 20% máis.
Por universidades, 31 dos beneficiarios son alumnos da de Santiago de Compostela (USC), 23 da de Vigo (UVigo) e 11 da da Coruña (UDC). A maioría, case un 74%, son mulleres.
O país ao que se desprazan máis estudantes é Chile (15 estudantes) seguido de Arxentina (13) e México (10). Son seis os alumnos que realiza a mobilidade nos Estados Unidos e en Corea do Sur, cinco en Brasil e tres en Suíza. Finalmente, con un estudante en cada un, os alumnos viaxan a China, Colombia, Costa Rica, Malasia, Perú, Reino Unido e Xapón.
Por ramas de coñecemento, as titulacións de Ciencias Sociais e Xurídicas son as que máis alumnos engloban (24 bolseiros), seguido polo ámbito das Ciencias da Saúde (20). Artes e Humanidades e Enxeñería e Arquitectura contan con nove bolseiros cada unha e Ciencias con tres.
Ata 2.500€
Por primeira vez diferénciase a dotación económica asignada a cada persoa beneficiaria en función de onde realice o programa de mobilidade. Así, a contía para os estudantes que participen en intercambios en países de Europa mantense en 1.700€, que obteñen catro beneficiarios, e establécese unha nova axuda de 2.500€ para as estadías no resto do mundo, que reciben a maioría dos bolseiros, un total de 61 alumnos.
Deste xeito, o departamento educativo do Goberno galego contribúe a paliar os efectos da inflación sobre este tipo de programas de mobilidade, facilitando que calquera estudante poida participar neles en igualdade de oportunidades, independentemente da súa situación económica.
Ademais destas bolsas, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades convoca anualmente as complementarias para o alumnado das universidades públicas galegas que participa no programa Erasmus+, que este curso contan cun orzamento de máis de 1,5M€.