A mostra sobre a vida de Carlos O Xestal será clausurada o 4 de xaneiro coa participación de Xurxo Souto e un concerto do Colectivo Xestal
O Ano do Xestal toca á súa fin despois de doce intensos meses de actividades cos que conseguimos revitalizar a figura dun gran humorista e folclorista, un artista galego fundamental que tivemos a sorte de que elixise Carballo para pasar case vinte anos da súa vida.
O 4 de xaneiro deste 2023, coincidindo co 30º aniversario da morte de Carlos Díaz Gestal, O Xestal, celebrouse no cemiterio de Razo, onde está soterrado, o primeiro acto do Ano do Xestal. A colocación dunha placa na súa tumba, que carecía de identificación, a música da Banda Municipal de Gaitas, unha ofrenda floral e a presenza de moitos amigos e amigas do Xestal marcaron o arranque dun minucioso proceso de recuperación da súa memoria. Un ano despois, o 4 de xaneiro de 2024, rematarán as actividades promovidas polo Concello de Carballo coa clausura da exposición O Xestal, unha vida de conto, que inauguramos no Pazo da Cultura coincidindo co FIOT.
Pero antes de que remate vas ter a oportunidade de percorrela nunha visita guiada por Hadrián García, historiador e guía, que nos mergullará no mundo do Xestal utilizando os principais recursos que tamén usaba o propio Carlos: a música e o humor. Non deixes fuxir a oportunidade. Inscríbete xa en comunicacion@carballo.gal e acompáñanos este xoves 28, ás 17.00 horas, nunha experiencia única.
Único será tamén o acto de clausura da exposición, o 4 de xaneiro ás 19.00 horas, no que contaremos de novo con Hadrián García para realizar un último percorrido guiado pola exposición. E nese marco contaremos tamén con outros convidados de luxo: Xurxo Souto, profesor, escritor, músico e activista cultural, que tanto ten achegado a este Ano do Xestal, e o Colectivo Xestal, integrado por tres amigos do Xestal, imprescindibles na música galega, como Xan López, Toniño López e Xico de Cariño, que no seu concerto interpretarán varios temas compostos ou recuperados por Carlos O Xestal, entre eles a estrea dunha versión musicada da súa famosa copla O 8 de maio. Outra cita para non perder!