Museos Científicos, centros cívicos, OMIC ou María Pita centran as actividades pensadas especialmente para a infancia
Tras Noiteboa e Nadal, a programación municipal para estas datas continuará con dúas semanas nas que os Reis Magos tomarán o relevo de Papá Noel. As diferentes actividades estanse a desenvolver nos centros cívicos, os Museos Científicos Coruñeses, a Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) e tamén ao Palacio Municipal de María Pita.
Por unha banda, continuarán os obradoiros infantís que se levan a cabo nas instalacións daCasa dos Xoguetes, na OMIC, ideados para nenas e nenos de 4 a 10 anos. Haberá obradoiros ata o día 5 de xaneiro. O acceso é de balde, con inscrición previa na propia OMIC 15 minutos antes de comezar cada actividade.
Ademais das festas de Papá Noel xa celebradas nos centros cívicos, está previsto que os Reis Magos se acheguen ao Palacio Municipal de María Pita desde o día 2 de xaneiro.
Desta forma, as nenas e nenos poderán visitar ás SSMM os días 2, 3 e 4, en horario de 11.00 a 14.00 horas, e de 16.30 a 21.30 horas.
Cabalgata de Reis
Como é habitual, a cidade gozará da Cabalgata de Reis o día 5 de xaneiro. Prevista para as 18.00 horas do días 5 de xaneiro, contará con 14 carrozas, 5 trens e 17 compañías artísticas e de animación no seu percorrido. A comitiva sairá do Barrio das Flores, fronte do CEIP Ramón de la Sagra, e rematará como cada ano na praza de María Pita co saúdo das súas maxestades, en torno ás 21.15, a todos os nenos e nenas presentes na praza.
Das 14 carrozas que participarán no percorrido, oito serán municipais e cinco procedentes de patrocinadores que un ano máis volven sumarse a esta cita tan especial para os nenos e nenas da Coruña. Sumaranse a elas a carroza dos bombeiros da Coruña, a máis esperada polo público infantil e que pechará a comitiva repartindo caramelos.
Actividades nos Museos Científicos, María Pita e no Teatro Colón
Desde o pasado 23 de decembro no Aquarium Finisterrae estanse a celebrar coloquios informativos sobre as focas do acuario, e tamén se levarán a cabo os talleres experimentais ‘Tiburóns á vista’. Na Domus, ata o 7 de xaneiro ofrécense proxeccións de dúas das iniciativas gañadoras dos últimos Premios Prismas: ‘Maa-Yiem. La extraordinaria historia de Jordi Sabater Pi’ e ‘La mujer que soñaba con números’. E na Casa das Ciencias, tamén do pasado 23 de decembro en diante, hai proxeccións e sesións en directo sobre a Vía Láctea.
Por outra banda, o Belén Municipal continuará aberto ata o día 6 de xaneiro, exceptuando hoxe e o 1 de xaneiro, cando estará pechado. Os horarios de apertura serán de 12.00 a14.00 horas, e de 17.00 a 21.00 horas, exceptuando o 31 de decembro, cando só estará habilitado ás visitas pola mañá.
En xaneiro, tamén no Teatro Colón, están previstas as actuacións do Coro de Nenos e Nenas e o Coro Xove da Orquestra Sinfónica de Galicia (día 4, ás 19.00 horas) e o Concerto de Reis da Orquestra de Nenos da Orquestra Sinfónica de Galicia (día 5, 13.00 horas).
Actividades nos centros cívicos
Os centros cívicos municipais tamén contan este Nadal cunha serie de actividades destinadas á infancia durante os días non lectivos. A programación consta, ademais dos campamentos xa anunciados, de festas, obradoiros e visitas dos Reis Magos. Todos os eventos son de balde e requiren inscrición no propio centro cívico.
Do 26 ao 30 de decembro, celebraranse festas infantís de Nadal nos centros cívicos, con animación e visitas especiais dos Reis Magos. Esta é a programación completa: 26 de decembro (de 17.30 a 20.30 horas)
Centro cívico de Labañou.
Centro cívico da Cidade Vella.
Centro cívico do Castrillón.
27 de decembro (de 17.30 a 20.30 horas)
Centro cívico de San Diego.
Centro cívico de Monelos.
Centro cívico dos Rosales.
28 de decembro (de 17.30 a 20.30 horas)
Centro cívico de Novo Mesoiro.
Centro cívico de Monte Alto.
Centro cívico de Eirís.
29 de decembro ( de 17.30 a 20.30 horas)
Centro cívico dos Mallos.
Centro cívico de Novoboandanza.
30 de decembro (de 17.30 a 20.30 horas)
Centro cívico de Palavea.
Centro cívico de Elviña.