Friday 22 de November de 2024

O Centro Municipal de Formación prepara a case 50 persoas nas especialidades de cociña, soldadura e atención sociosanitaria


O alumnado recibiu antes das vacacións de Nadal a visita do alcalde e dunha representación do goberno local

O Centro Municipal de Formación, xestionado pola Concellaría de Innovación, Fondos europeos, Formación, Emprego e Axenda urbana, acolle nestes momentos un obradoiro de emprego na especialidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, un curso de cociña e outro de soldadura. En total, case 50 persoas que están a formarse en tres profesións con gran saída laboral.

Antes de iniciar as vacacións de Nadal, o alumnado recibiu a visita do alcalde, Evencio Ferrero, e do concelleiro de Formación, Iván Andrade, ademais doutros membros do goberno municipal. O encontro desenvolveuse nas instalacións da Escola de Hostalaría, nas que alumnado, profesorado, persoal técnico e administrativo e representantes municipais puideron comprobar a excelente formación que está a recibir o alumnado de cociña, que en só uns días xa foi quen de preparar un completo almorzo para os seus compañeiros e compañeiras.

O Centro Municipal de Formación aposta pola formación dos mellores profesionais para facilitar a súa inserción no mercado laboral. Ás especialidades de atención sociosanitaria, cociña e soldadura sumaranse en xaneiro dúas máis relacionadas coa carpintería e a electricidade. Son as seguintes:
Montaxe de mobles e elementos de carpintería (nivel II), de 538 horas de duración, desde o 22 de xaneiro ata o 17 de xuño, en horario de 09.00 a 14.00. Ao tratarse dun curso de nivel II, as persoas participantes deben posuír, mínimo, algunha das seguintes titulacións:
• ESO
• Certificado de profesionalidade de nivel II de calquera familia
• Certificado de profesionalidade de nivel I da mesma familia e área profesional
• Cumprir o requisito académico de acceso aos ciclos formativos de grao medio ou ben superar as correspondentes probas de acceso reguladas polas administracións educativas
• Proba superada de acceso a universidade para maiores de 25 anos ou de 45
• Superadas as competencias clave de nivel II

Operacións auxiliares de montaxe de instalacións electrotécnicas e de telecomunicacións en edificios (nivel I), de 398 horas de duración, desde o 1 de febreiro ata o 20 de maio, en horario de 09.00 a 14.00. Neste caso non se esixe ningún requisito de titulación.

As persoas interesadas deben acudir á oficina de emprego para inscribirse, pero se precisades calquera información adicional podedes dirixirvos ás oficinas municipais do segundo andar do Fórum Carballo ou chamar aos números de teléfono 981 709 010 / 981 709 011.