O carboeiro do Courel tamén estará hoxe á tarde na praza do antigo Concello e no “Nadal na lareira” que organiza O Castelo de Narahío
Mañá sábado, concerto de Nadal da Escola de Música Moderna na Casa da Cultura (ás 12:00h)
O Apalpador, o mítico carboeiro do Courel, xa anda por San Sadurniño. Hoxe é o seu grande día no noso concello, onde será recibido oficialmente á noitiña, xusto despois do espectáculo infantil “Cachopo máxico” que terá lugar na Casa da Cultura a partir das 18:30h. Porén, como anticipo, o pandigueiro de boina, grande barba e zurrón cheíño de castañas, estivo a primeira hora desta mañá na EIM A Rolada deixándolles agasallos ás crianzas. Ademais tamén visitou o Centro de Día para facer o propio coas avoas e avós.
As pequenas e pequenos da Rolada saudaron ao Apalpador pouco despois das 10 da mañá. Uns minutos antes da súa chegada, o grupo miúdo, xa avisado polas mestras, agardaba por el no medio dun rebumbio de nervios e ansia por saber que cousiñas lles traería.
Tan pronto como abriu a porta, silencio absoluto e ollos abertos coma pratos. Durante uns segundos semellaba que todos e todas ían botarse a chorar. Pero non foi así. De feito, só un dos nenos recibiu con berros e bágoas ao pandigueiro, máis como maneira de liberar tensión que por medo, xa que aos dous minutos foi o primeiro en poñerse diante do xigante para recoller agasallos.
Axeonllado diante cas pequenas e pequenos, o Apalpador entregoulle á comunidade educativa crebacabezas e outros xogos educativos pedidos polo Concello, ademais de varios regalos que a ANPA lle solicitou hai varios días nunha atenta carta.
Tralo seu paso pola Rolada, o carboeiro do Courel tamén se achegou ao Centro de Día para compartir un pedazo coas persoas usuarias, ás que tamén lles deixou un pequeno detalle.
O percorrido continúa hoxe á tarde, encadrado nas actividades de Nadal organizadas polo Concello e pola AVV O Castelo de Naraío. Así, na Casa da Cultura representarase a partir das 18:30h o espectáculo infantil “Cachopo máxico” e pouco despois do seu remate -a iso das 19:15- rapazada e persoas adultas poderán volver falar co Apalpador na praza do antigo Concello, entre a iluminación festiva e o pequeno poboado feito en madeira polo artista Carlos García.
Pola súa banda, a asociación veciñal de Naraío tamén organiza unha pequena festa de Nadal para a veciñanza -especialmente a máis pequena- e para quen queira achegarse polo seu local social. Ás 20:00h contarán coa actuación do mago Magic Mateo, seguida dunha nova recepción ao Apalpador. Ademais tamén servirán chocolate con bica e quen queira poderá levar instrumentos para botarlle unhas panxoliñas.
Concerto de Nadal da Escola de Música Moderna
As propostas culturais continuarán mañá sábado, véspera da Noiteboa. A partir das 12:00h poderemos asistir na Casa da Cultura con entrada gratuíta ao concerto que ofrecerá a Escola de Música Moderna dirixida por Xoán Leis.
Escoitaremos pezas de todos os estilos, sobre todo clásicos do pop e do rock que sempre soan polo Nadal, alternados con pezas tamén moi coñecidas do repertorio tradicional.