Friday 22 de November de 2024

Unanimidade nas mocións socialistas en apoio á escola unitaria do Gaioso e para a creación dunha liña de bonificacións dos servizos de comedor e madrugadores


O sistema que propoñen os socialistas substituiría as becas comedor actuais por unhas bonificacións predeterminadas “que permitan, antes do comezo de curso, que as familias saiban se teñan dereito a eses prezos bonificados, reducindo a súa incerteza”

Todas as propostas que o Grupo Socialista levou ao derradeiro pleno da Corporación deste 2023 foron aprobadas

O sistema de comedores escolares foi motivo de debate este xoves no derradeiro pleno municipal desde 2023. Os socialistas levaron a pleno unha moción na que propuñan un cambio no sistema, pasando das subvencións actuais, a unha liña de bonificacións e exencións predeterminadas co obxectivo de “simplificar a xestión” e dar seguridade ás familias solicitantes do servizo.

Así, a proposta socialista, aprobada por unanimidade da corporación, e co compromiso do goberno local de implantala, a máis tardar, no próximo curso, pasa pola creación dunha liña de bonificacións por razóns de conciliación laboral e necesidade económica na rede de centros públicos de educación infantil e primaria. Segundo explicou a edil Marta Abal, con isto as persoas usuarias do servizo xa non terían que agardar á resolución das becas para ver se teñen dereito a ese prezo bonificado, “senón que poderán ver dun modo preestablecido, antes do comezo do curso, se teñen ou non dereito” reducindo “a súa incerteza”.

Abal insiste en que a concesión de subvencións, seguindo o sistema actual, deixaba en moitas ocasións persoas fóra “non polos requisitos, senón polas capacidades orzamentarias” algo que, confía, con este novo modelo, se solucionará.

A edil socialista defendeu ademais unha moción na que instaban á Xunta de Galicia a abordar unha reformulación do sistema de xestión das escolas unitarias. Concretamente, o debate xurdiu en base á denuncia da Asociación de Pais e Nais da escola infantil do Gaioso (O Eixo), que na última semana de novembro quedou sen poder impartir docencia ás crianzas porque non se substituíu á profesora titular que non puido asistir.

O problema reside en que esta escola unitaria, ao igual que as outras dúas que operan no noso concello, só teñen asignada unha docente “polo que teñen que ser substituídos por profesores titulares doutros centros e, pode pasar, que se non poden facer esa cobertura, o centro non poida abrir as súas portas”. Así, reclamou Abal, contando coa unanimidade da Corporación, que se reformule o sistema de xestión “que de entrada ten que pasar polo reforzo do persoal dedicado, nomeando un profesor adicional de reforzo, por exemplo, que se poida rotar polas tres escolas rurais”.

Aprobadas as mocións para a creación dunha nova rúa nos Basquiños e a ampliación do aparcadoiro de Altiboia

O portavoz dos socialistas, Gonzalo Muíños, defendeu na sesión ordinaria do mes de decembro un proxecto de ampliación do aparcadoiro de Altiboia, sito no cruce entre as rúas de Os Concheiros, avenida de Lugo e Rodríguez de Viguri. Unha iniciativa que contou co respaldo unánime do resto das forzas en Raxoi e que permitirá duplicar o número de prazas existentes alcanzando unhas duascentas.

“Esta ampliación permitiría dar servizo á veciñanza dos Concheiros, de Fontiñas, da propia Altiboia e ao Conservatorio de Música, así como paliar a eliminación de prazas de estacionamento que supuxo a remodelación da Avenida de Lugo” recalcou Muíños.

Tamén a edil socialista, Mercedes Rosón, presentou ao bipartito a opción de abrir unha nova rúa entre a rúa dos Basquiños e a rúa de Arzúa, á altura do convento de Santa Clara. Un viario que aparece recollido no planeamento, e para o que solicitou que se inicie o proceso de expropiación dos terreos necesarios.

“O obxectivo é poñer fin á desconexión deste importante barrio da nosa cidade e mellorar os servizos á Almáciga” recalcou Rosón que explicou as melloras en materia de mobilidade en toda a zona da Estila, Espírito Santo, Ultreia e á cidade histórica en xeral: “estamos na obriga de protexer e manter a vitalidade que ten o barrio” insistiu a que fora responsable de Urbanismo durante o goberno socialista, “e para iso é imprescindible mellorar os servizos e as conexións con esta zona da cidade histórica”.

Rosón tamén conseguiu o compromiso do bipartito de manter actualizada a cartografía da cidade nun rogo no que quixo destacar o “valor incalculable” desta información “non só para a xestión urbanística, senón tamén en materia de seguridade, economía ou mobilidade”.

A cesión dun local á Asociación Compostelá de Diabetes sae adiante, aínda que coa abstención do bipartito

O PSOE solicitou tamén a cesión dun local para a Asociación Compostelá de Diabetes, que actualmente comparte instalacións no Centro Sociocultural de Vite. Segundo explicou a edil Marta Álvarez, trátase dunha limitación de espazo e de tempo, xa que non teñen un horario contínuo e regular de apertura cara o público. Álvarez, insistiu na necesidade de buscar un espazo nunha zona céntrica para “mellorar o coñecemento xeral sobre esta doenza e crear unha comunidade sólida de apoio mutuo das persoas afectadas pola diabetes”.

A proposta, que contou coa abstención do bipartito, saíu adiante cos votos do Partido Popular. A edil socialista lamentou esta abstención que, desde o goberno, motivaron na ausencia de espazos dispoñibles, ao que Álvarez plantexou “unha Casa da Xuventude rehabilitada” como posible alternativa.