Ocupa o primeiro posto no ámbito dos aloxamentos de turismo rural
A Comunidade galega pechará o ano 2015 cun total de 274 establecementos e servizos turísticos certificados co distintivo ‘Q’ de calidade turística, ocupando o primeiro lugar de España en número de hoteis e apartamentos turísticos, con 62 aloxamentos certificados, e casas de turismo rural, con 42 certificacións.
Dentro destas distincións outorgadas polo Instituto de Calidade Turística de España (ICTE), a Comunidade galega tamén lidera no ámbito estatal os segmentos de balnearios, instalacións náutico deportivas, turismo activo, ocio nocturno e turismo industrial; ademais de ser a segunda con máis axencias de viaxes certificadas, de xeito que Galicia é o segundo territorio con máis establecementos certificados, logo de Andalucía.
Polo que respecta ao volume total de establecementos que contan co ‘Q’ de calidade turística, Galicia rexistra un incremento sostido desde o ano 2003, cando se rexistraron 13 certificacións, e que este ano conta con seis establecementos máis que en 2014.
Canto aos segmentos de establecementos e servizos turísticos certificados co ‘Q’ de calidade turística, Galicia conta con 42 aloxamentos rurais, sete balnearios, dous cámpings, 62 hoteis e apartamentos turísticos, 12 instalacións náutico-deportivas, dous locais de ocio nocturno, tres oficinas de información turística, dous pazos de congresos, 16 praias, 66 servizos de restauración, 41 servizos turísticos de intermediación (axencias de viaxes), tres empresas de turismo activo e 16 instalacións de turismo industrial.
Apoio ao sector
Pola súa parte, Turismo de Galicia apoia a implantación do ‘Q’ de calidade turística en Galicia a través do acordo asinado co Clúster Turismo de Galicia ao obxecto de ofrecer un servizo de consultoría para as empresas e asociacións empresariais integradas. Deste xeito, no ano 2015 o departamento de Turismo da Xunta destinou 175.000 euros a este convenio.
Ademais, o organismo público de xestión e promoción turística de Galicia desenvolveu en 2015 unha liña de axudas por importe de 90.000 euros destinada a apoiar o financiamento dos custos de certificación ou de renovación da marca ’Q’ dos establecementos interesados.
O Sistema de Calidade Turística de España, foi implantado no ámbito de todo o Estado español polo propio sector turístico, co apoio do Goberno Central e as Comunidades autónomas.
Na actualidade, estanse a desenvolver en Galicia programas de calidade turística, dentro da marca Q nos subsectores turísticos relativos a hoteis, apartamentos turísticos, turismo rural, axencias de viaxes, cámpings, balnearios, servizos de restauración, praias, axencias de viaxes, pazos de congresos, turismo activo, ocio nocturno, turismo industrial, oficinas de información turística, campos de golf e instalación náutico deportivas.
A adhesión e participación no Sistema de Calidade Turística Española é totalmente libre e voluntaria e pode ser solicitada en calquera momento. Para obter o distintivo Q, a empresa, unha vez adherida ao Sistema, debe seguir o proceso de implantación segundo as características da súa organización, contando coa asistencia técnica e o apoio precisos. En Galicia, o do Sistema de Calidade Turística de España está representado por Turismo de Galicia.
A estratexia da marca turística Q consiste en dotar ás empresas do sector turístico español dun sistema de xestión e mellora da calidade de produtos e servizos que lles permitan crean unha vantaxe competitiva axeitada ós novos retos do mercado, e conseguir así o recoñecemento da imaxe de marca de España como destino de calidade