• A Xunta de Galicia inicia as obras para adecuar o novo espazo para as probas diagnósticas no centro de saúde de Ortigueira
• O executivo local logrou un investimento 151.250 euros do goberno autonómico para a creación desta nova sala, que estará operativa nos primeiros meses do 2024
Ortigueira inicia a conta atrás para contar co seu novo servizo de Radioloxía. A Xunta de Galicia, por medio da empresa responsable da obra, comezou os traballos de adecuación do novo espazo para engadir aos actuais servizos do municipio unha sala de raios x dixital.
O pasado verán, o novo executivo local, dirixido por Valentín Calvín, logrou captar un investimento de 151.250 euros por parte da Xunta de Galicia para reforzar a sanidade local con radioloxía. Agora, este pacto é xa unha realidade co inicio das obras, que permitirán que Ortigueira dispoña nos primeiros meses do 2024 dun novo servizo que permitirá mellorar a capacidade diagnóstica e a prevención de enfermidades na localidade.
Con esta nova instalación, os veciños e as veciñas de Ortigueira minimizarán desprazamentos a outras localidades para realizar probas. Unhas probas que permitirán obter de maneira máis rápida diagnósticos precoces e axudar ao seguimento de patoloxías.
“Damos unha resposta a unha demanda histórica de Ortigueira. Nos próximos meses, teremos unha mellora notable na nosa atención primaria, froito da xestión do actual equipo de goberno local coa Xunta de Galicia e o traballo común de ambas as entidades”, apunta o alcalde, Valentín Calvín.