O museo do poboado mineiro das minas de San Finx manterá durante o Nadal o seu horario de inverno habitual, coa excepción dos días de Noiteboa, Nadal, Aninovo, Reis e o venres 29 de decembro. Así, as instalacións estarán abertas en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas, os mércores, xoves e venres. Os sábados e domingos haberá tanto horario de mañá (10:00 a 14:00 horas) como de tarde (16:00 a 19:00 horas). As instalacións estarán pechadas os luns e os martes.
A visita é libre, salvo para grupos de máis de 10 persoas nos que é preciso reservar praza chamando ao 679 583 332 ou enviando un correo electrónico a museominasdesanfinx@gmail.com. Aínda que as visitas se adaptan as dispoñibilidades de tempo do grupo, adoitan durar entre hora e hora e media. O custe xeral por entrada é de 2 euros.
As persoas que se acheguen polo poboado mineiro contarán co asesoramento e guía da técnica do Museo das Minas de San Finx, que lles dará a coñecer tanto a historia das minas como a súa evolución ao longo dos anos, así como o traballo realizado polo Concello de Lousame para rehabilitar e poñer en valor este patrimonio.
A visita inclúe un percorrido polo centro de interpretación, onde se pode ver tanto unha maqueta a escala das minas como distinta documentación e trebellos relacionados coa traballo das minas e coa época, dende o propio wolframio ata teléfonos antigos, peneiras, imaxes antigas… Ademais, tamén se visitan os distintos inmobles do poboado mineiro (edificio de compresores, enganche eléctrico, armazón do pozo novo…) onde se poden contemplar os equipos que se utilizaban na extracción do mineral, algúns deles en perfecto estado de uso como compresores, cabrestantes, forno de fundición de estaño, etc.