Friday 22 de November de 2024

Trenor anuncia un investimento do IES da Pobra do Caramiñal de 2,1M€ para levar a cabo a súa rehabilitación integral


Trenor destaca que estas actuacións mellorarán o día a día da comunidade educativa, cun edificio con maior confort térmico e máis accesible

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, anunciou hoxe a licitación dunha nova actuación no IES da Pobra do Caramiñal de 2,1 millóns de euros,

Trenor subliñou que esta actuación busca “mellorar as condicións xerais do centro, en especial o confort do alumnado e do profesorado e a eficiencia enerxética”. A intervención contempla a mellora da eficiencia enerxética coa substitución das cubertas e das ventás.

En canto ás obras que se acometerán destacan tamén a mellora da accesibilidade coa construción dun ascensor e novas ramplas para conectar o centro, reformas interiores, modificacións nas aulas e unha nova cafetería e cociña No que respecta ao exterior tamén se contemplan actuacións de reforma e outras obras menores solicitadas pola dirección do centro. O prazo de execución da obra é de cinco meses.

O representante do Goberno galego destacou que todas estas obras se enmarcan no Plan de Nova Arquitectura, a folla de ruta da Xunta para a modernización dos centros, e teñen como obxectivo mellorar o día a día dos membros da comunidade educativa, acadando centros con maior confort térmico e máis accesibles, entre outros beneficios.

“Estes investimentos son un exemplo do compromiso da Xunta cunha educación pública de calidade que inclúe a mellora das instalacións coa fin de garantir que os escolares dispoñan duns espazos confortables, seguros e accesibles nos que desenvolver a súa aprendizaxe”, recalcou o delegado.