O prazo de inscrición abrirá no mes de febreiro
O Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo celebrou no ano 2019 a primeira edición do Concurso de Solistas. Aínda que se convocou, a segunda non puido levarse a cabo por mor da pandemia; pero chegou o momento de recuperala, e de novo o CMUS ofrece ao seu alumnado a posibilidade de amosar as súas habilidades interpretativas nun concerto en solitario no auditorio do Pazo da Cultura, que é o premio gordo.
Nesta edición haberá tres categorías (alumnado de grao elemental, alumnado de 1º a 3º de grao profesional e alumnado de 4º a 6º de grao profesional) e dous premios por categoría: os primeiros de cada categoría actuarán como solistas cunha das agrupacións do CMUS no curso 2024-25, ademais de recibir un cheque-regalo por valor de 100 euros para trocar nunha tenda de música, e os segundos recibirán un vale de 50 euros, patrocinado pola ANPA.
O obxectivo do concurso é incentivar a motivación e as habilidades interpretativas do alumnado. Poden participar estudantes de 2º, 3º e 4º cursos de grao elemental ou de calquera curso de grao profesional, que poderán inscribirse no despacho de dirección situado no primeiro andar do Pazo da Cultura os días 5, 19 e 26 de febreiro, en horario de 16.00 a 19.00, e o 28 de febreiro, de 11.00 a 13.30 horas.
O Concurso de Solistas consta de dúas fases: na primeira, que se celebrará os días 12 e 13 de marzo, cada participante presentará o seu repertorio diante dun tribunal formado por profesorado do CMUS. Os/as estudantes que pasen ás finais actuarán entre abril e maio (as datas concretas están pendentes de confirmar) no auditorio do Pazo da Cultura ante un xurado.