A rapazada do CEIP Eduardo Pondal e o CEIP As Forcadas, protagonista na homenaxe ao autor da letra de ‘Os Pinos’ nunha xornada de convivencia con Mondoñedo
O alumnado do Concello de Ponteceso foi protagonista esta mañá do acto organizado pola Fundación Eduardo Pondal para homenaxear a figura do escritor polo 116º aniversario da primeira interpretación do himno galego, do que é autor da súa letra.
A iniciativa, na que colaborou o goberno local pontecesán, consistiu nunha xornada de convivencia entre o alumnado do CEIP Eduardo Pondal e o CEIP As Forcadas na que tamén participaron estudantes chegados desde o Concello de Mondoñedo, lugar de orixe de Pascual Veiga, encargado de desenvolver a música do himno.
O acto tivo como punto central a interpretación de ‘Os Pinos’ por parte Irma Macías, vocalista de Luar na Lubre. Dita interpretación tivo lugar na Praza do Recheo do Concello de Ponteceso, onde posteriormente se levou a cabo unha ofrenda floral ao monolito do escritor. O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, estivo presente nunha ofrenda na que tamén participou o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, e o edil de Cultura do Concello de Mondoñedo, Alberto García.
A xornada, organizada para lembrar a transcendencia do escritor pontecesán, tamén foi aproveitada para que o alumnado das escolas locais e a rapazada chegada de Mondoñedo coñecese diferentes puntos do municipio.