O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE informou sobre os resultados da execución do Plan Anual 2015, que foi executado na súa totalidade, financiándose un total de 80 proxectos
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, presidiu en Santiago a xuntanza do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode), onde foi aprobado o Plan Anual 2016 da Cooperación Galega e que contou coa asistencia dos representantes dos axentes galegos de cooperación. O Congacode é órgano asesor e de coordinación da cooperación galega no que están representados a Administración autonómica, as ONGD e o resto dos axentes galegos de cooperación.
O principal punto da orde do día da reunión de hoxe foi a presentación do Plan Anual 2016 da Cooperación Galega para o Desenvolvemento elaborado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, que recolle as actuacións previstas para o ano 2016 e que conta cunha dotación orzamentaria de 4.191.350 euros, o que supón o mantemento dos fondos con respecto ao ano anterior.
Segundo destacou o director xeral, o Plan aposta pola utilización principal do instrumento das convocatorias publicas de concorrencia competitiva. Así, publicaranse as convocatorias de axudas que tradicionalmente xestiona a Cooperación galega como son as de proxectos no exterior, educación para o desenvolvemento e bolsas de formación. Así mesmo, asínanse convenios de colaboración coa Coordinadora Galega de ONGD, o FOGACOSOL e as Universidades Galegas, entre outros.
Este Plan Anual, enmarcado no III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017, afonda no logro dos resultados de xestión recollidos no dito Plan Director cara á mellora da eficacia da axuda a través da concentración xeográfica e sectorial da mesma, á maior coordinación dos actores e complementariedade das súas actuacións e á orientación estratéxica das actuacións de cooperación que poña en valor as singularidades da nosa Comunidade.
Jesús Gamallo tamén deu conta aos asistentes de que a Xunta de Galicia exercerá durante o primeiro semestre de 2016 a presidencia da Comisión de Coordinación do Convenio asinado coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento e as Comunidades Autónomas de A Rioxa, Castela-A Mancha, Estremadura, Madrid, Valencia e Illas Baleares para a programación de conxunta en materia de acción humanitaria. Durante a presidencia galega decidiranse as actuación de axuda humanitaria e de emerxencia que se financiarán coa anualidade 2016 do citado convenio que se eleva a 1.350.000 €.
Por outra banda, nesta xuntanza do Consello Galego de Cooperación o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE informou sobre os resultados da execución do Plan Anual 2015, que foi executado na súa totalidade, financiándose un total de 80 proxectos, o que da mostra un ano mais de que a solvencia é un dos sinais de identidade da Cooperación Galega.