Saturday 16 de November de 2024

Mercedes Rosón propón a apertura dunha rúa entre Basquiños-Santa Clara e a rúa Arzúa para “facilitar a mobilidade na zona e favorecer á integración da Almáciga”


Levará unha proposición ao pleno deste xoves para que se execute unha conexión entre ambas rúas, como figura no Plan Especial

Instará ao goberno local, ademais, a programar a creación dun equipamento deportivo e un aparcadoiro nun barrio “moi densamente poboado”

Os socialistas propoñen a apertura dun viario que conecte a rúa dos Basquiños, na altura do convento de Santa Clara, coa rúa de Arzúa. Trátase dunha rúa que xa contempla o Plan Especial vixente e na que, explica a concelleira Mercedes Rosón, “xa comezamos a traballar no goberno socialista”.

En forma de proposición instarán no pleno deste xoves ao goberno local a darlle continuidade a esta actuación que, explican, “permitiría pechar o artellamento deste importante barrio da nosa cidade, favorecendo a mobilidade tamén en toda a zona da Estila, Espírito Santo, Ultreia, Basquiños e mesmo San Caetano”.

“Todas somos coñecedoras do tráfico que soporta actualmente a rúa dos Basquiños e da necesidade de mellorar as conexións da cidade histórica coa Almáciga” insiste Rosón, que recalca que esta apertura tamén daría servizo ao alumnado do CEIP Apóstolo Santiago. Así, instan ao executivo local a iniciar o proxecto de expropiación do solo necesario para a execución do viario.

Tamén na proposición que se debaterá este xoves en Raxoi, propoñen os socialistas que se programe unha zona deportiva no barrio, recollida tamén no mesmo plan. Trátase dun espazo reservado, ao carón do mesmo viario de nova creación, e que ademais do equipamento deportivo disporía dunha bolsa de aparcadoiro: “instaremos ao goberno a programar e estudar a expropiación dos terreos necesarios para crear este equipamento tan necesario e demandado polas veciñas e veciños da zona” recalca Rosón.