Friday 22 de November de 2024

As concellarías de Bibliotecas e Mercados únense para poñer a disposición da veciñanza “Libros que alimentan”


A partir de mañá, as compras no mercado municipal de abastos serán premiadas con libros

As bibliotecas non son almacéns de libros, senón que perseguen crear coleccións de calidade e pertinentes para a súa comunidade de usuarios. Para iso é fundamental a selección, avaliación e compra de libros, pero tamén o expurgo, descarte ou eliminación daqueles que deixan de ser útiles por diferentes motivos. Este proceso forma parte do ciclo vital das bibliotecas.

Coa intención de darlles unha nova vida, desde a Concellaría de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística vimos impulsando distintas iniciativas, entre elas a creación de zonas de bookcrossing en distintos puntos, como as praias durante o verán ou o mercado municipal durante o inverno. E precisamente no mercado vaise desenvolver a próxima actividade: unha solta de libros que denominamos Libros que alimentan, porque agora na praza de abastos, ademais de alimento para o corpo, teremos alimento para a mente.

A partir de mañá xoves, por cada compra que realices no mercado municipal recibirás un vale que poderás trocar por un libro, ata fin de existencias. Os vales poderán trocarse no posto que teremos instalado na entrada da Gran Vía os xoves 21 e 28 de decembro, de 11.00 a 13.00 horas. Ven polo teu!