Alternativa dos Veciños celebrou unha Asemblea Xeral no teatro das Torres de Santa Cruz na que participaron máis de 200 simpatizantes. O presidente, Ángel García Seoane, aproveitou para analizar a situación do partido tras as pasadas eleccións municipais.
Alternativa conta con 32 cargos electos en concellos, ten tres alcaldías (Oleiros, Carral e Fisterra) e conserva un deputado provincial; a cuarta forza política de Galicia no ámbito municipal. Pese a eses bos resultados, García Seoane chamou a seguir “facendo traballo na rúa, escoitando ós veciños” e salientou a importancia de sumar xente nova ao proxecto do partido, xa que “sen xuventude, non hai futuro”. Por outra banda deixou claro que Alternativa “ten que loitar de fronte contra os que queren acabar con ela”.
O presidente do partido tamén se referiu ás eleccións autonómicas e europeas, que se celebrarán no 2024, deixando claro que, nesta ocasión, Alternativa non pedirá o voto para ningunha formación en concreto. “Como partido non nos imos posicionar por ninguén. Todos a cantos apoiamos en ocasións anteriores acabaron por traicionarnos”, lembrou García Seoane.
Pola súa parte o tesoureiro do partido, Antonio Franqueira, falou do elevado custo da campaña, que neste momento orixina un déficit de 18.000 euros, que se paliará cunha subvención que entrega o Estado tendo en conta os resultados electorais. Ademais, a asemblea acordou establecer unha doazón mínima de todos os cargos electos de 120 euros anuais. Calquera simpatizante tamén pode colaborar economicamente co partido mediante un ingreso na conta de doazóns.
A asemblea tamén aprobou a renovación dos cargos do partido para os próximos 4 anos. As persoas elixidas foron previamente propostas por parte das distintas comisións locais.
O organigrama queda da seguinte forma:
• Comisión executiva: Ángel García Seoane (presidencia), María José Varela (vicepresidencia), Felipe Louzán (secretaría xeral), Pablo Cibeira (vicesecretaría xeral), Antonio Franqueira (tesoureiría), Marga Figueroa (secretaría de organización); José Manuel Díaz, Ruth Parada, Óscar Deus, Montserrat Méndez, Julia González, Manuel Sánchez, Amy Díaz, Sara López, Andrés Sánchez, Narciso Marzoa e Susana Guimarey (vogais).
• Coordinadora comarcal: Noelia Martínez (Arteixo), Pablo Santiso (Bergondo), Ari Blanco (Cambre), Rubén Caamaño (Carral), Xurxo Xoan González (Cangas), Iñaki Hermo (Culleredo), Jorge Raúl Gómez (Fisterra), Francisco Pita (Oleiros).
• Órgano de defensa dos militantes e garantía de dereitos: Belén Taboada (presidencia), Rocío López (secretaría), Xisela Velo e José Luis Viñal (vogais).