O Concello promociona ao longo do ano a produción alimentaria local organizando charlas, cursos, visitas á horta de froiteiras e outras accións coas que se quere manter viva a mensaxe de que o rural é un medio cheo de posibilidades para vivir do que dá a terra. E non só iso, senón que tamén predica co exemplo durante estas datas agasallando ao seu persoal funcionario e laboral cun cartucho de Nadal cargado de delicias galegas, na súa maior parte producidas na comarca e, por primeira vez, con algunhas elaboracións saídas da Fusquenlla. Da preparación do deste ano encargouse a Agroalimentaria do Eume, que botou na cesta moita cousa rica e da máxima calidade.
A área de Persoal encomendoulle á entidade subministrar produto para facer un total de 37 lotes -un para cada membro da plantilla municipal-, que tiveron un custe unitario de algo máis de 50€. Un prezo ben barato se temos en conta o que vén dentro das caixas que se lle entregarán o xoves ao persoal: pezas de queixo Briganta e O Casal, requeixo de Bardaos, unha caixa de manteigadas das Pontes, mel multifloral Abella Mestra (colleitada en San Sadurniño), un tarro de saborosas galletas Maruxas de Nata e turrón de chocolate elaborado artesanalmente pola panadería Toñita (As Pontes).
Porén, na relación de delicadezas que van no cartucho tamén hai que contar como novidade os produtos elaborados no centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla. Concretamente un litro de zume de mazá e un bote de tomate confeitado elaborados por Bieiteiras, xunto cunha delicia de pemento da firma Ay Carmen!, que tamén está sacando preparados das instalacións de Moeche a partir dos seus propios cultivos.
Tal e como comenta o responsable do departamento, Manolo Varela, apunta que os cartuchos, ademais de ser “un pequeno obsequio para o persoal” -acordado coa representación das traballadoras e traballadores-, son tamén unha boa oportunidade de seguir promocionando “tanta variedade como temos de produtos da máxima calidade feitos na nosa zona”.
Varela destaca a presenza no agasallo de zumes e conservas da Fusquenlla “o que tamén axuda a darlle difusión a un proxecto que está collendo moita forza, con cada vez máis xente apostando pola nosa soberanía alimentaria. No cartucho do ano que vén seguramente poidamos meter moitas máis cousas ricas elaboradas en Moeche”.
O concelleiro reitera que a dinamización do sector primario “é unha constante” da área de Desenvolvemento local que dirixe. Neste sentido, tanto o Concello como outras entidades deste ámbito -a AGFA do Eume, a Asociación Agroecolóxica A Cortiña e a Casa do Mel de Goente, principalmente- desenvolven ao longo do ano numerosas actividades formativas, informativas e de concienciación ao respecto do potencial agrogandeiro da nosa zona.
Ademais, desde o consistorio tamén se está desenvolvendo durante estes días, coa colaboración de 32 establecementos, a campaña de promoción do comercio local “No Nadal, consumo local”, que sorteará 10 lotes de produtos entre aquelas persoas que fagan compra en San Sadurniño até o 7 de xaneiro.
Os 37 cartuchos cargados de alimentos de proximidade entregaránselle o xoves ao persoal municipal. Ese día tamén está previsto que o cadro de traballadoras e traballadores se xunte no xantar de Nadal. A cita vai rotando de ano en ano polos restaurantes e casas de comidas de San Sadurniño. Nesta ocasión toca no mesón Os Cazadores, en Santa Mariña do Monte.