En relación coa denuncia presentada por un veciño de Cambre reclamándolle ao Concello de Oleiros 615.000 euros por unha presunta caída mentres paseaba un can no Parque do Seixo, o TSXG acaba de emitir unha sentencia favorable ao Concello, desestimando por “contraditorios” e “incoherentes” os argumentos do demandante. O TSXG indica que “todo apunta a outra orixe das lesións padecidas, posiblemente en data distinta, anterior e noutro lugar”.
Tal e como recolle a sentenza, “a versión dada polo demandante nada ten que ver co parte médico elaborado no CHUAC”. As datas que indica o denunciante e as dos informes médicos non coinciden. Ademais, o médico declarou que é “case imposible” saír dun embarcadoiro de tres metros con fracturas de clavícula, vértebras e hipotórax esquerdo. Segundo o médico o demandante atopábase “baixo os efectos das drogas”.
Non hai unha soa testemuña que presenciase a presunta caída. Non existe aviso ningún á Policía. Mentres a muller do demandante dicía que o atoparon inconsciente, o persoal de urxencias afirmou que estaba consciente. Os efectivos médicos tampouco viron o can no lugar dos feitos, que supostamente provocara a caída ao embarcadoiro, que o demandante dixo estar sen auga, cando realmente a marea estaba chea.
Malia a existencia deste cúmulo de contradicións e o intento por parte do demandante de obter en concepto de indemnización 615.000 euros das arcas municipais; o BNG, PSOE e PP deron pábulo ao demandante co único fin de desgastar ao Goberno municipal, sen importarlles o grave prexuízo que se pretendía causar á economía do Concello.
A sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia exclúe de calquera responsabilidade ao Concello de Oleiros polas “innumerables dúbidas en torno á veracidade do alegado” polo veciño de Cambre, que deberá aboar ao Concello 1.000 euros en concepto de gastos xudiciais.