A directora de Turismo de Galicia visitou esta mañá o Belén que atraeu xa a millares de turistas
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou o Belén da Catedral de Santiago, un dos principais reclamos turísticos de Galicia para este Nadal.
Dende a súa inauguración, este belén tradicional de 55 metros cadrados, atraeu xa a millares de turistas que puideron disfrutar de máis de 550 pezas decoradas, realizadas e talladas a man de forma artesanal por destacados imaxineiros do mundo do Belén.
Cunha escenografía composta, principalmente, por materiais naturais como madeira, vexetación e cortiza de sobreira, o Belén inclúe dende escenas máis tradicionais como o nacemento, a chegada dos Reis Magos ou a anunciación dos pastores, ata diversos acontecementos da vida cotiá e oficios.
Así mesmo, o dito Belén acolle escenas do mundo exipcio realizadas a súa exposición na Catedral de Santiago, converténdoo nunha mostra única.
Gran oferta belenística
Durante a visita, a directora de Turismo de Galicia destacou que o Belén da Catedral amplía e enriquece a gran tradición belenística que atesoura Galicia.
Neste senso, Nava Castro sinalou algunhas das numerosas mostras que poden visitarse na nosa comunidade destacando, o Belén artesanal en movemento de Valga, en Pontevedra, e o Belén electrónico de Begonte, en Lugo, declarados Festas de Interese Turístico de Galicia.
Así mesmo, fixo referencia aos recoñecidos beléns históricos cos que conta Galicia como o belén da Grande Obra de Atocha, o belén do Liceo en Betanzos, o belén da Orde Terceira en Ferrol, o belén de Viveiro ou o belén do escultor Arturo Baltar, entre outros.
Outros grandes reclamos do Nadal
Por outra parte, a directora de Turismo de Galicia destacou que as cidades galegas tamén verán aumentar o seu número de visitantes este Nadal grazas aos mercados de lecer diseminados polas catro provincias que, segundo sinalou, convértense nun forte reclamo turístico e unha das motivacións principais a hora de escoller destino durante esta festividade
Nava Castro afirmou que tamén a artesanía é protagonista neste Nadal en Galicia cos mercados da provincia de Lugo, en Ribadeo e Monforte de Lemos, ou Ofeitoaman en Vigo.
Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta sinalou que o ‘Nadal no Gaiás 2015’ ofrece un amplo conxunto de actividades culturais que inclúen música, teatro, xogos, obradoiros e concursos.