O núcleo urbano da Pobra do Caramiñal converteuse na mañá deste 19 de decembro en aula a ceo aberto na que unha trintena de estudantes do proxecto competencial de 4° da ESO do instituto aprenderon sobre arquitectura tradicional.
Da man do director do Museo-Valle-Inclán, Antonio González, descubriron a evolución do centro e as distintas tipoloxías da arquitectura popular aquí presente, así como as máis antigas vivendas que xa forman parte da historia da localidade: vestixios de varias casas medievais na zona do Castelo e nas rúas da Feira e do Estremo, a existencia de soportais perdidos ou transformados nas inmediacións da praza de Galicia, casas de patín, o hospitaliño, a Casa da Cadea ou as construcións do coñecido como barrio dos cataláns a carón da praia dos Areos, entre outras.
A institución museística continúa así na liña de promover propostas didácticas para dar a coñece-lo patrimonio cultural como, por exemplo, as visitas que se efectuaron no verán a diferentes edificios históricos.