Friday 22 de November de 2024

Paderne inaugura as Xornadas de recuperación de cultura mariñeira nas escolas infantís


 Hoxe, 19 de decembro, tivo lugar a primeira das actividades do proxecto ‘Recuperación da cultura mariñeira’, para achegar esta cultura á poboación infantil

 O Concello desenvolve estas xornadas ao abeiro das axudas da Consellería do Mar, xestionadas polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Golfo Ártabro Norte

O Concello de Paderne pon en valor a cultura mariñeira a través do proxecto ‘Recuperación da cultura mariñeira’, financiado pola Consellería do Mar e xestionado polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Golfo Ártabro Norte.

A primeira actividade do plan levouse a cabo hoxe, martes, 19 de decembro, nas escolas de Educación Infantil do municipio. Baixo o título de ‘Mariscos da Ría de Paderne’, o patrón maior e a bióloga da Confraría de Pescadores de Miño déronlles unha charla ao alumnado. Nela a rapazada puido coñecer máis de cerca o traballo dos mariscadores e mariscadoras, así coma os produtos que se poden atopar na Ría de Betanzos.

O obxectivo desta iniciativa é recoñecer o traballo da xente do mar, dando a coñecer entre os máis pequenos a labor que levan a cabo e por que é tan importante para a nosa sociedade e, en concreto, para os municipios costeiros como Paderne.