A medida supón un aforro de 2.000 euros ao ano para os fogares galegos
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, destacou hoxe que a gratuidade das escolas infantís supón para as familias galegas un aforro de máis 2.000 euros ao ano. Díxoo durante unha visita ás dúas escolas infantís de Arteixo que forman parte da rede publica autonómica, a situada na rúa Río Tambre e a que se empraza en Pastoriza.
Neste sentido, Perfecto Rodríguez sinalou que o programa da gratuidade implantado pola Xunta pon á disposición das familias de Arteixo preto de 450 prazas de 0 a 3 anos totalmente de balde, posto que desta medida benefícianse xa desde o curso pasado todas as escolas, con independencia de que a súa titularidade sexa autonómica, municipal, de iniciativa social ou privada.
Así mesmo, as familias que residen na cidade da Coruña e nos concellos que forman parte da súa área de influencia pódense beneficiar este curso das 5.800 prazas de 0 a 3 anos acollidas á gratuidade.
Financiamento
O vindeiro ano 2024 a Xunta incrementa nun 9% o orzamento destinado a financiar a gratuidade en todas as escolas infantís da comunidade ata os 60 millóns de euros, para beneficiar a arredor de 31.000 familias. Galicia continúa sendo a única comunidade que oferta atención educativa de balde de 0 a 3 anos oito horas diarias de luns a venres e durante once meses do ano.
Esta medida, que comezou a aplicarse no ano 2020 para segundos fillos e sucesivos e que desde o curso pasado está estendida a todos os fillos entre os 0 e 3 anos de idade, fai que Galicia sexa unha referencia nesta etapa educativa e na conciliación familiar.