O concelleiro Juan Ignacio Borrego participou na presentación deste espectáculo, que se realizará os días 2 e 3 de xaneiro
Galicia Magic Fest chega á súa sétima edición cun elenco cheo de estrelas da maxia a nivel mundial e caras coñecidas de programas como Got Talent a nivel internacional. O concelleiro de Educación, Emprego e Relacións Institucionais, Juan Ignacio Borrego, participou esta mañá na presentación que tivo lugar no Teatro Colón e na que tamén estivo Pedro Volta, director artístico do certame. As entradas, que xa están á venda, pódense adquirir a través de Ataquilla e as billeteiras do propio teatro e da praza de Ourense.
O Teatro Colón da Coruña acollerá a Galicia Magic Fest os días 2 e 3 de xaneiro de 2024 con catro funcións. Será unha gala internacional trepidante na que se poderán ver especialidades moi diferentes da man dalgúns dos ilusionistas máis prestixiosos do mundo. Poderase ver en directo a estrela de Got Talent e gañador do programa británico e asiático Eric Chien (A China), tamén gañador do primeiro premio mundial de maxia FISM de ‘close up’. Tamén participará o campión do mundo de manipulación Jun Woo Park (Corea do Sur).
O Galicia Magic Fest ofrecerá unha proposta de maxia divertida do premiado mago francés Michael Szaniel ou o actual Mandrake dór, considerados os Oscar da maxia, Mag Marín, que ofrecerá grandes ilusións, moi especiais e divertidas. Completa o cartel Jessica Gullomal, Premio Nacional de Maxia no ano 2022. Todo iso, conducido polo director artístico de Galicia Magic Fest, Pedro Volta, semifinalista de Got Talent 5.
“O Goberno de Inés Rey aposta por unha ampla variedade de espectáculos na súa oferta cultural para o outono e o inverno”, sinalou Juan Ignacio Borrego. Os espazos municipais contarán con actuacións para todo tipo de públicos, coma este Galicia Magic Fest.