Todas as vivendas destinaranse ao alugueiro social tras un investimento para a súa recuperación de máis de 2 millóns de euros
A Xunta de Galicia asinou hoxe o convenio para rehabilitar con apoio de fondos europeos cinco vivendas en Ferrol e dúas en Betanzos cun investimento global de máis de 2 millóns de euros. Todas estas vivendas destinaranse a alugueiro social entre os demandantes do Rexistro único de vivendas protexidas pois terán prezo regulado durante un prazo mínimo de 50 anos.
As cinco vivendas que rehabilitará o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) en Ferrol no marco do Plan Rexurbe con cofinanciamento europeo son propiedade da Xunta e atópanse nos números 8 e 22-24 da rúa Carme Curuxeiras. O investimento total na cidade de Ferrol rolda os 1,6 millóns de euros dos que preto de 225.000 euros corresponden ao cofinanciamento europeo.
O acordo asinado co Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana tamén permitirá utilizar fondos europeos na rehabilitación de dúas vivendas en Betanzos, unha no número 6 da rúa Alfoli e outra no número 9 da rúa Pinche. Nestes dous proxectos, nos que os traballos xa están en marcha, o investimento total é de preto de 490.000 euros, dos que 100.000 euros son aportados pola Unión Europea.
Estas actuacións enmárcase na Estratexia para o desenvolvemento de vivenda de promoción pública e impulso da vivenda protexida en Galicia, aprobada pola Xunta en marzo deste ano e cuxo principal obxectivo é incrementar nun 50% o actual parque público residencial ata chegar ás 5.600 vivendas en 2026.