— Román Rodríguez sinala este tipo de acordos como a base para que as ensinanzas de FP Dual colleiten unha empregabilidade de case o 100%
— O 60% dos estudantes da primeira promoción está a traballar xa en NTT Data
A Xunta de Galicia e a empresa NTT Data porán en marcha en 2024 a terceira edición do máster de FP Dual en intelixencia artificial e big data. O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o CEO da compañía en España, Víctor López-Barrantes, asinaron hoxe o convenio para a reedición desta formación no Instituto IES Fernando Wirtz Suárez da Coruña.
Tal e como explicou o conselleiro, este tipo de acordos son a base para que as ensinanzas de FP Dual colleiten unha empregabilidade de case o 100%. “Apostamos por combinar a formación da maior calidade nos centros educativos coa cualificación que ofrece a experiencia de estar nunha empresa, asimilando en tempo real as novidades que se producen no sector”, salientou. “Isto é especialmente relevante nun ámbito como o da intelixencia artificial, que se actualiza día a día”, destacou.
Un terzo da formación na empresa
O máster de FP Dual en intelixencia artificial e big data oferta 20 prazas e conta con 600 horas lectivas de formación curricular, 400 delas (o 67%) desenvolveranse no Instituto IES Fernando Wirtz Suárez e as 200 restantes (o 33%) na empresa.
Durante a súa realización, os alumnos fórmanse en competencias como a programación e a aplicación de sistemas intelixentes que optimizan a xestión da información e a explotación de datos masivos, sempre respectando o acceso seguro así como os principios éticos e legais establecidos.
Tras a sinatura do convenio o conselleiro tivo a oportunidade de conversar con alumnos que están a cursar agora esta formación e con parte dos da primeira promoción, dos que o 60% están a traballar na empresa NTT Data.
Oferta da titulación en Galicia
O máster de FP en intelixencia artificial e big data ofértase este curso en catro centros. Deles, o Fernando Wirtz é o único que o oferta tanto na modalidade ordinaria como en FP Dual. O Centro Integrado de FP A Carballeira-Marcos Valcárcel (Ourense) ten tamén en marcha un proxecto dual neste máster. A maiores, o Instituto IES de Teis (Vigo) impárteo en dous grupos, un ordinario presencial e outro a distancia, e o IES San Clemente de Santiago de Compostela un grupo a distancia.