— Un dos acordos supón materializar a axuda concedida polo Executivo galego ao Concello para que constrúa 50 vivendas e outro é para que dúas cooperativas levanten 256 vivendas
— O investimento global para a posta en marcha das promocións incluídas nos convenios rolda os 55 millóns de euros
A Xunta de Galicia asinou hoxe os convenios para a construción de 306 vivendas en Xuxán, na Coruña, co apoio de fondos europeos. Todas estas vivendas deberán destinarse ao alugueiro a prezo regulado durante un prazo mínimo de 50 anos.
O primeiro dos convenios, asinado co Goberno local da Coruña e co Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, permitirá materializar a axuda concedida pola Xunta ao Concello para financiar, con fondos da Unión Europea, a construción de 50 vivendas en Xuxán. A achega -concedida polo Executivo galego ao Concello o pasado mes de setembro no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia- rolda os 2,5 millóns de euros para un investimento global de máis de 10,8 millóns de euros.
O proxecto elaborado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) prevé a construción dun inmoble de cinco andares, máis baixo e tres sotos que acollerá 10 vivendas de dous dormitorios e 40 vivendas de tres dormitorios, ademais das correspondentes prazas de garaxe, rochos e locais.
A maiores do convenio para a obra do Concello da Coruña, a Xunta asinou o acordo co Ministerio e con dúas cooperativas que levantarán en Xuxán 256 vivendas protexidas para alugueiro en solo propiedade do Executivo galego. Os terreos foron adxudicados en dereito de superficie a cambio dun canon simbólico co obxectivo de facilitar a promoción das vivendas.
As cooperativas construirán cinco bloques de vivendas (un de 14, outro de 90, dous de 60 e o quinto de 32) cun investimento de máis de 44 millóns de euros, dos que preto de 12,3 millóns de euros corresponden ao cofinanciamento da Unión Europea.
Estas actuacións enmárcanse na Estratexia para o desenvolvemento de vivenda de promoción pública e impulso da vivenda protexida en Galicia, aprobada pola Xunta en marzo deste ano e cuxo principal obxectivo é incrementar nun 50% o actual parque público residencial ata chegar ás 5.600 vivendas en 2026.
Outros acordos
Ademais dos acordos da Coruña, a Xunta tamén asinou hoxe o convenio para cofinanciar 27 vivendas de promoción pública que construirá o Concello de Vigo así como un acordo para cofinanciar con fondos europeos a rehabilitación de 24 inmobles adquiridos polo Executivo galego nos conxuntos históricos de Betanzos, Ferrol, Viveiro, Ourense, Tui e Ribadavia.