Friday 22 de November de 2024

As empresas inscritas no Rexistro de Contratistas da Xunta poderán participar en licitacións fóra de Galicia


A Xunta e o Estado asinan un convenio para evitar a doble inscrición, xa que as empresas galegas tiñan que inscribirse tamén no Rexistro de Licitadores do Estado

A Xunta e o Goberno do Estado veñen de asinar un convenio de colaboración para fomentar a coordinación en materia de contratación pública, e que vai permitir ás máis de 2.300 empresas inscritas no Rexistro de Contratistas da Xunta participar en licitacións fóra de Galicia.

Deste xeito, as empresas evitarán a doble inscrición nos rexistros de contratistas que neste momento manteñen a Administración central e a autonómica. Ata agora, as empresas inscritas no Rexistro Xeral de Contratistas da Xunta tiñan que inscribirse tamén no Rexistro de licitadores do Estado se querían operar fóra de Galicia, xa que o certificado do rexistro autonómico só surtía efectos no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, é dicir, para órganos de contratación autonómicos e locais.

Con este convenio, nos vindeiros meses as empresas inscritas no Rexistro de contratistas da Xunta poderán facer valer os efectos do certificado en calquera licitación de España. Para iso, as dúas administracións utilizarán de forma compartida un único rexistro oficial de licitadores, o que reducirá os trámites que teñen que facer as empresas. A integración de ambos rexistros evitará tamén que as empresas teñan que presentar por duplicado a documentación necesaria para manter actualizadas as súas inscricións.

Atención próxima
A Xunta manterá a unidade de xestión administrativa de inscrición das empresas que viñan operando ata a actualidade co rexistro autonómico, o que permitirá facilitar unha atención máis próxima no caso de ser necesario. Non obstante, todo o proceso de inscrición e mantemento de información no novo rexistro será telemático.

Ademais, o convenio -que se publicará a vindeira semana no Diario Oficial de Galicia- tamén establece a interconexión da Plataforma de contratos públicos de Galicia coa Plataforma de Contratación do Sector Público, como indica a Lei de Garantía de Unidade de Mercado.

A Xunta manterá plenamente activa a plataforma autonómica, e a interconexión permitirá dar publicidade na plataforma de ámbito estatal ás convocatorias de licitacións e os seus resultados de todos os órganos que publican actualmente na plataforma de ámbito galego.