Friday 22 de November de 2024

Borrego reivindica a capacidade emprendedora da mocidade coruñesa na clausura do Programa Propulsa


A Asociación de Jóvenes Empresarias y Empresarios de A Coruña pecha a edición do programa con 360 horas de asesoramento empresarial a 50 negocios da cidade

Destaca a participación feminina, sendo 30 mulleres de 50 persoas inscritas en Propulsa

O concelleiro de Educación, Emprego e Relacións Institucionais, Juan Ignacio Borrego, interviu esta mañá na clausura do programa “Propulsa” posto en marcha pola Asociación de Jóvenes Empresarios de A Coruña coa colaboración do Concello. O programa ten como obxectivo orientar estratéxicamente aos negocios da Coruña para mellorar a súa competitividade.

Borrego reivindicou a capacidade emprendedora da mocidade coruñesa e comprometeuse a continuar apoiando iniciativas como este programa da man de AJE Coruña. “É importante que as institucións apoiemos á mocidade tamén no emprendemento porque é a mellor forma de garantir unha economía local con futuro” sinalou.

O concelleiro estivo acompañado por Eva Rosende, presidenta da Asociación de Jóvenes Empresarias y Empresarios de A Coruña, quen agradeceu a colaboración do Concello no programa. “Tal e como lle trasladei á alcaldesa na nosa primeira reunión, o voso apoio é fundamental para poder levar a cabo a nosa actividade como asociación mais tamén como axente de cambio económico” sentenciou Rosende.

Esta edición do Programa Propulsa remata con 360 horas de asesoramento empresarial e 50 negocios da cidade implicados. Destaca a participación feminina no programa, con 30 mulleres dun total de 50 inscritas, o que representa o 60%.