Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Moeche volve organizar o Campamento Deportivo de Nadal nos días centrais das festas


Alén do mercado e da visita real, en Moeche haberá máis oferta de lecer para as nenas e nenos. De feito, a Concellería de Deportes volverá organizar o Campamento Deportivo de Nadal como proposta a medio camiño entre o divertimento infantil e a conciliación doméstica durante as últimas vacacións do ano. A actividade desenvolverase polas mañás entre o martes 26 e o venres 29 de decembro. Para inscribirse -20€ nena/o, con descontos se hai máis irmáns- hai que presentar esta ficha no rexistro municipal ou na Sede Electrónica.

A temática do campamento, dirixido a rapazada de 4 a 12 anos, xirará entorno á práctica deportiva e os hábitos saudables por medio de xogos tradicionais, deportes en equipo, visitas e exhibicións de clubs e, a media mañá, unha merenda equilibrada e axeitada para cargar as pilas.

O campamento desenvolverase os días 26, 27, 28 e 29 de decembro en horario de 10:00 a 14:00h tendo como base o Pavillón Municipal, aínda que se veñen días solleiros tamén se farán algunhas actividades no exterior.

A taxa por cada nena ou neno é de 20 € e inclúe os gastos de seguros, merendas e monitores. A ordenanza reguladora do servizo contempla descontos no caso de que vaian dous ou máis irmáns.

Para obter máis información sobre esta actividade pódese falar directamente co técnico de Deportes no Concello, ou contactar con el a través do 981 404 006 (ext3) ou do correo daniel.feijoo@moeche.gal. As inscricións haberá que formalizalas cubrindo e presentando no Concello esta ficha, ben presencialmente no rexistro municipal ou ben a través da Sede Electrónica.