Titulares do bono social e persoas que reciben tratamentos de osixenoterapia ou diálise peritoneal nos seus domicilios terán unha subvención de 200 euros
O Concello de Carballo aprobou este ano a concesión de axudas a 107 familias para o pagamento do subministro enerxético. Tal como se informou na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada este luns, nesta convocatoria só foron rexeitadas tres solicitudes por non cumprir cos requisitos establecidos.
As subvencións van destinadas ás persoas maiores de 18 anos ou menores emancipadas que estean empadroadas no noso concello cunha antigüidade mínima de seis meses, e que cumpran, ademais, algún dos seguintes requisitos:
• Ser beneficiarias do bono social das diferentes comercializadoras de electricidade, como mínimo durante os tres meses anteriores á convocatoria das axudas.
• Recibir osixenoterapia domiciliaria polo menos durante seis meses antes da convocatoria das axudas.
• Recibir tratamento de diálise peritoneal domiciliaria polo menos durante seis meses antes da convocatoria das axudas.
Con esta medida, impulsada dende a Concellaría de Igualdade e Benestar, dende o Concello de Carballo pretendemos axudar ás veciñas e veciños con máis dificultades para facer fronte ás facturas da luz. Cada unha das 107 familias beneficiarias recibirá nas vindeiras semanas unha axuda de 200 euros nun pago único, correspondente á anualidade 2023. Entre as tres convocatorias realizadas ata agora foron aprobadas 318 solicitudes, que supoñen 21.611 euros.
As subvencións do Concello de Carballo son compatibles coas liñas de axuda que poidan convocar outras administracións.
Outros acordos da Xunta de Goberno Local
• A Xunta de Goberno Local, por outra banda, adoptou na sesión ordinaria deste luns, a última do ano, os seguintes acordos:
Pago de facturas de gasto por importe de 49.997,85 euros.
• Ingresos da recadación municipal correspondentes aos meses de xullo, agosto e setembro, por un importe total de 936.262,68 euros.
• 9 licenzas urbanísticas e 3 vaos
• Outorgamento de subvención nominativa á Agrupación Deportiva Carballo para o financiamento da actividade “Campionato de liga de fútbol sala Carballo” e aprobación do convenio, por importe de 1.500 euros.