Saturday 16 de November de 2024

A Pobra vivirá as doce badaladas de xeito dobre


Conta atrás para despedi-lo presente ano e o Concello da Pobra do Caramiñal xa ten todo preparado para lle da-la benvida ao 2024 cunha axenda para o día 31 de decembro que incorpora unha gran novidade: as badaladas presentadas por Tania Fuegho dende a casa consistorial, ás 12.00 horas.

A concelleira da Cultura, Patricia Lojo, xunto co seu homólogo da Mocidade, Eloy Sobrido, explica que se aposta por esta actividade para lles ofrecer tamén a grupos de idade que non saen pola noite unha alternativa para vivir este festexo en conxunto toda a veciñanza. Xa a partir das 11.30 horas haberá un DJ animando o ambiente, ademais de efectua-lo repartimento das uvas e do cotillón. E, arredor das 13.00 horas, a charanga Os Festicultores levará a música a todo o núcleo urbano, coa saída dende as inmediacións do consistorio.

Xa pola tarde, ás 17.00 horas, a Casa da Mocidade converterase no escenario dunha festa xuvenil con DJ e, á noite, o toldo instalado na praza Alcalde Segundo Durán pasará a se-lo foco de reunión coa celebración do Aninovo coa Discomóvil Chocolate, das 01.00 horas en diante. Como xa é habitual, non faltarán o cotillón, o photocall e a barra.