Friday 22 de November de 2024

Os centros do ensino da Pobra divírtense con actividades lúdicas polo Nadal


O Nadal pobrense contará tamén con varias actividades lúdicas dirixidas exclusivamente á comunidade educativa. A concelleira do Ensino, Amparo Cerecedo, explica que se levan unha serie de actuacións ás escolas da educación infantil, aos centros da primaria e ao instituto.

As sesións estenderanse do día 18 ao 21 de decembro. Iniciaranse na escola unitaria do Campo-A Angustia con Cé Orquestra Pantasma. Ao IES da Pobra do Caramiñal irá O Rabelo; a E.E.I. Fernández Varela terá Sérgio Tannus como convidado; Barafunda estará no CEP Pilar Maestú Sierra; e Charo Pita acudirá ao CEP Salustiano Rey Eiras e ás escolas unitarias do Vilariño e A Granxa.

A maiores, no día 21, alumnado do CEP Salustiano Rey Eiras interpretará Xaneiras do Nadal: panxoliñas a partir das 11.30 horas na residencia, no mercado municipal, nos Xardíns de Valle-Inclán, diante da E.E.I. Fernández Varela, fronte á casa consistorial e no centro de día.

Arredor das 12.45 horas reuniranse tódolos cursos no Cantón da Leña para, aproximadamente, ás 13.15 horas, dárlle-lo paso ás doce badaladas.