Saturday 16 de November de 2024

O Concello abrirá este martes 19 o novo parque infantil do barrio de Xuxán, que contará con xogos adaptados á rapazada con mobilidade reducida


Habilitaranse dous accesos principais á zona de xogo, situados no sector norte da rúa Cernadas

Na contorna da gran praza central disporase un valado perimetral que acoutará, polo momento, as áreas de lecer, mentres avanzan as obras de conexión con Matogrande

O Concello da Coruña abrirá este martes 19 o novo parque infantil de Xuxán, unha das principais infraestruturas construídas ao abeiro das obras de urbanización que se están a ultimar no barrio.

O parque infantil, habilitado na gran praza central lindeira á rúa Cernadas, ten unha superficie de 650 metros cadrados. Na disposición das cores do pavimento da área de xogos, feito a base de caucho, “seguíronse as recomendacións da Fundación ENKI co obxectivo de lles axudar ás crianzas a desenvolver habilidades cognitivas e sensoriais cunha perspectiva inclusiva”, subliñou a alcaldesa, Inés Rey.

A este respecto, as nenas e nenos poderán gozar no parque infantil cun amplo abano de xogos, distribuídos en dúas áreas diferenciadas por idades. As principais atraccións son un tobogán de seis metros de alto e unha tirolesa de vinte metros. Ademais, incluíronse diversos bambáns, pasarelas, carruseis e balancíns.

Entre os novos xogos instalados, cómpre destacar os que están adaptados a menores con mobilidade reducida. Por exemplo, un carrusel integrador con capacidade para cinco persoas usuarias; así como un tractor con túnel e tobogán e un asento integradores, ambos adecuados para nenas e nenos con dificultades de visión ou motricidade.

Garantir melloras en termos de accesibilidade, adaptabilidade e inclusión é unha das premisas marcadas polo Goberno municipal para avanzar no Plan integral de mellora dos parques infantís, que no último ano abriu camiño á creación de novas prazas adaptadas en áreas de xogos de barrios como Elviña, Os Rosales e Vioño, entre outros.

Esta semana remataron os traballos para colocar o novo mobiliario urbano na praza

Na contorna do parque, e ao ancho e longo da explanada da praza, dispuxéronse, ademais, diversas áreas de lecer, con tres pérgolas de distinto tamaño. Tamén se plantaron árbores e arbustos, reverdecendo así este novo espazo público do barrio. Neste sentido, a mediados do mes de novembro remataron os traballos correspondentes á xardinaxe e pavimentado, así como as actuacións asociadas á posta en servizo da iluminación pública. E, xa esta semana, ultimouse a colocación do novo mobiliario urbano, o que permitiu completar esta intervención para deixar a praza xa operativa para as veciñas e os veciños.

Desta forma, tal e como se comprometeu a mediados de novembro, o Goberno de Inés Rey pon a disposición da cidadanía a nova praza central de Xuxán nas datas previas ao Nadal.

Habilitaranse dous accesos ao parque infantil

Na contorna da gran praza central de Xuxán, onde se sitúa o parque infantil, continúan diversos remates das obras de urbanización, polo que o Concello delimitou un valado perimetral que acoutará, polo momento, a zona de lecer e goce que estará a disposición das veciñas e veciños na praza.

O perímetro habilitado actualmente —disposto co obxectivo de reforzar a seguridade das persoas usuarias da praza e do parque— irase ampliando de forma progresiva a medidaque avancen os traballos que afectan, por exemplo, á construción das novas conexións entre Xuxán e Matogrande, que avanzan este días con vistas á súa conclusión a inicios de 2024.

Neste sentido, e atendendo ao caso concreto do parque infantil, está previsto que se habiliten dous accesos principais. Estarán localizados no sector norte da rúa Cernadas, bordeando o bloque de vivendas xa existente na entrada á gran praza central.