O Concello de Lousame celebrou a cuarta edición do Encontro Interxeracional de Panxoliñas. Seis veciñas integrantes do grupo de maiores dos Obradoiros da Memoria de Lousame ofreceron un pequeno concerto de aguinaldos, que non panxoliñas como elas mesmas explicaron, aos nenos e nenas do Punto de Atención á Infancia (PAI) de Tállara, aos usuarios e usuarias do centro de día de Lousame e aos traballadores do Concello de Lousame.
A xornada comezou, como xa é tradición, co concerto no PAI de Tállara, onde os maiores de Lousame interpretaron tres aguinaldos: un de Nadal, outro de Fin de Ano e un terceiro de Reis, acompañadas instrumentalmente por pandeiretas e cunchas. Uns aguinaldos que elas mesmas escribiron, recordando os que se cantaban cando eran nenas. Despois, o grupo trasladouse ata o centro de día de Lousame, onde actuaron ante os usuarios e as súas coidadoras. O aplauso foi tal que mesmo se animaron a facer un “bis”. A viaxe rematou na casa consistorial, onde interpretaron os tres aguinaldos ante os traballadores municipais e os veciños e veciñas que aló estaban neses momentos.