— O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, preside a constitución do Consello de Centros Museísticos de Galicia
— A falta de ter o balance do mes de decembro, os datos de afluencia a estes centros xa son maiores que os do ano 2019, cando se rexistraron 306.358 visitas
— A reunión celebrada na Cidade da Cultura serviu para facer repaso polos fitos deste 2023, coa mostra de Picasso, o 30 aniversario do CGAC, a ampliación do Museo Massó ou o avance no eido das artes dixitais como principais referencias
Os museos xestionados pola Xunta superan xa os 338.000 visitantes e rematan o ano por enriba das cifras previas á pandemia da covid-19. Así o puxo de manifesto o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, na constitución do Consello de Centros Museísticos de Galicia celebrada na Cidade da Cultura, onde se fixo un repaso polos grandes proxectos expositivos do 2023 e as liñas de traballo dos preto de 90 centros existentes en Galicia.
Tal e como explicou o responsable autonómico de Cultura, a falta de coñecer as cifras de decembro para pechar o balance de este exercicio, os datos de afluencia son moi superiores as do ano 2022, cando se rexistraron 279.651, e sitúanse tamén por riba dos de 2019, ano previo á pandemia, cando se contabilizaron 306.358 visitas.
“Esta boa resposta por parte de galegos demostra que os museos son un dos principais axentes culturais de Galicia”, sinalou Román Rodríguez, que defendeu a súa importancia para “expresar a diversidade e variedade da nosa identidade cultural”.
Román Rodríguez agradeceu o traballo feito polos museos nun ano “de gran actividade cultural no que Galicia contou con proxectos expositivos de primeiro nivel que permitiron recuperar e mesmo superar a normalidade previa á pandemia”. Neste senso, fixo especial fincapé na mostra Picasso branco no recordo azul organizada pola Xunta en primavera e que recibiu 50.000 visitantes no Museo de Belas Artes da Coruña.
Actividades previstas en 2024
Outros proxectos destacados este ano foron Viaxar para pintar. Sorolla en Galicia, que actualmente pode visitarse tamén no Museo de Belas Artes ou a programación do CGAC para celebrar o 30 aniversario do Centro Galego de Arte Contemporánea. A isto súmase o avance no eido das artes dixitais, con exemplos como o Galiverso ou Hábitats. Natureza estendida, inaugurada este mes no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura; ou a ambiciosa obra de ampliación do Museo Massó que culminará o vindeiro 2024.
Precisamente, xa se coñecen algúns dos fitos que marcarán a programación expositiva dos museos da Xunta o vindeiro, caso de Tesouros reais. Obras mestras do Museo de Terra Santa, que exhibirá no Gaiás como único destino en España o legado artístico do Museo de Terra Santa de Xerusalén; a mostra Antón Lamazares, Inda é día, que fará un percorrido pola obra do artista da man do comisario António Gonçalves, ou a XXVII edición de Las edades del hombre, organizada conxuntamente con Castela e León.
Cumprimento da Lei de museos
O conselleiro de Cultura explicou que a constitución do Consello de Centros Museísticos de Galicia, previsto na Lei de museos de Galicia, encádrase no compromiso do Goberno galego “para reforzar e potenciar esta parte fundamental do tecido cultural”.
Neste senso, avanzou que o seu departamento continuará colaborando o vindeiro ano no financiamento dos centros museísticos de especial relevancia da nosa Comunidade, tanto de organismos públicos como de entidades privadas sen fin de lucro, dada a acción que desenvolven e a súa importancia para a cultura galega. Deste xeito, contribuirase á súa mellora a través da programación de actividades culturais, didácticas e de difusión, da conservación preventiva e restauración de fondos, da documentación de coleccións, da renovación de instalacións e da redacción de plans museolóxicos.
Ofreceranse, igualmente, unha vintena de bolsas de formación a persoas graduadas nas especialidades de Arqueoloxía, Historia da Arte e Restauración de bens culturais nos museos dependentes da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.