Friday 22 de November de 2024

O acendido das luces de Nadal congrega a centos de persoas en Brión


O Concello de Brión celebrou na tarde/noite de onte venres o xa tradicional acto de acendido das luces do Nadal. Unha iniciativa que incluíu tamén dous concertos de Uxía Lambona e a Banda Molona e da Banda Municipal de Música de Brión, así como un mercadiño de Nadal do alumnado de 6º de Primaria do CEIP de Pedrouzos e unha degustación gratuíta de chocolate con churros.

Centos de familias déronse cita en Brión para desfrutar dun divertido concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona, que durante máis dunha hora fixeron bailar a pequenos e adultos ao ritmo das súas divertidas e pegadizas cancións. Paralelamente, o alumnado de 6º de Primaria do CEIP de Pedrouzos organizaba un mercadiño de Nadal diante da Casa da Cultura, con todo tipo de artigos de segunda man.

A iso das 19:30 horas, o alcalde de Brión, Pablo Lago, e a concelleira de Cultura, Sandy Sanmartín, subiron ao escenario onde unha das nenas asistentes escolleu o número da persoa encargada de premer o botón de acendido do alumeado especial de Nadal en Brión. Uns números repartidos polo Concello de Brión entre toda a rapazada presente no evento e do que saíu a meniña encargada de acender o alumeado especial de Nadal en Brión, que este ano inclúe un trineo especial diante da capela de Santa Minia, coa palabra “Brión” ao seu carón, e unha gran caixa de luces con forma de agasallo de Nadal a carón da Casa da Cultura.

Unha selección de cancións de Nadal interpretadas pola Banda de Música de Brión acompañou o reparto gratuíto de chocolate con churros entre todas as persoas presentes, que amenizaron tamén a espera facéndose fotos co novo alumeado navideño, especialmente co trineo dos renos.