Saturday 16 de November de 2024

Gonzalo Castro: “Desde hoxe A Coruña mergúllase nunha nova mirada á muller grazas a ORLAN e á súa historia da arte”


A exposición “ORLAN: Esta é a miña historia… da arte” estará no Salón Municipal de Exposicións de Palexco ate o vindeiro 14 de febreiro

O concelleiro da área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, presentou esta mañá a exposición “ORLAN: Esta é a miña historia… da arte” da reputada artista francesa Orlan, aberta no Salón Municipal de Exposicións de Palexco ate o vindeiro 14 de febreiro. A exposición, organizada polo Concello da Coruña coa colaboración de PhotoEspaña e Galería RocioSantaCruz, está comisariada por Alain Quemain e forma parte do programa de actividades do Ano Picasso impulsado polo Goberno de Inés Rey. “Con esta actividade pechamos os actos realizados con motivo do 50 aniversario da morte de Picasso, un perfecto exemplo de que A Coruña está máis conectada ca nunca coa cultura francesa” sinalou Gonzalo Castro.

“ORLAN: Esta é a miña historia… da arte” presenta a práctica fotográfica da fotógrafa desde unha formulación de corte feminista, reflexionando con iso sobre a emancipación da muller no ámbito das artes visuais. Partindo de figuras clave como Dora Maar, ORLAN reinterpreta a historia da arte a partir do seu propio corpo como continente e contido. “Desde hoxe A Coruña mergúllase nunha nova mirada á muller grazas a ORLAN e á súa historia da arte” aseverou o edil. O fío condutor é a das súas mútiples reinterpretacións da historia da arte, desde as súas obras pioneiras na década dos 60 ata as súas doce Self-hybridizations (1990-2023), todas elas presentes nesta mostra. Tamén a serie Weeping Women Are Angry, inspirada nos retratos de Dora Maar chorando, pintados por Pablo Picasso.

A artista estivo presente na apertura da mostra e agradeceu a oportunidade de presentar o seu traballo en España. “Esta é a primeira vez que expoño en Galicia e unha das primeiras no país, algo que me enche de orgullo por poder ensinar a miña arte noutros puntos do continente” explicou.