Saturday 16 de November de 2024

A consellería de Sanidade asina cos servizos de atención primaria 28 novos Plans Locais de Saúde para o períod 2024-2027


― Na actualidade, xa son 71 os centros que contan cun plan local de saúde, o que supón preto do 50% dos servizos de atención primaria

― O obxectivo destes plans é implantar unha atención integral, centrada na persoa

― Con posterioridade ao acto de sinatura, tivo lugar un foro de boas prácticas na implementación de Plans locais de saúde

A xerente do Servizo Galego de Saúde, Estrella López-Pardo, participou esta semana no acto de sinatura dos 28 novos Plans locais de saúde 2024-2027 do Sergas, correspondentes aos servizos de atención primaria de Miño, Abente-Lago (A Coruña), Sada, Ponteceso, Lalín, Oroso, Padrón, Arzúa, Fontenla Maristany (Ferrol), Serantes (Ferrol), Fene, San Sadurniño, Palas de Rei, Ribadeo, Burela, Sagrado Corazón (Lugo), O Carballiño, Ribadavia, Celanova, Valle-Inclán (Ourense), Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis, O Grove, Marín, A Cañiza, A Doblada (Vigo), Beiramar (Vigo) e Redondela. No acto, a xerente estivo acompañada pola directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Sofía López Linares.
Tal e como detallou a xerente no acto, no pasado ano asináronse os primeiros 14 Plans locais de saúde, e na actualidade xa son 71 os centros que contan cun plan local, o que supón preto do 50% dos servizos de atención primaria de Galicia. Uns servizos que, -tal e como incidiu Estrella López-Pardo-, forman parte dunha folla de ruta estratéxica que está a ser panca de cambio da atención primaria, no obxectivo do departamento sanitario galego por mellorar a saúde da poboación e a eficiencia do servizo, así como por incrementar a satisfacción dos profesionais e a calidade e experiencia do paciente.
Para Estrella López-Pardo, o obxectivo destes plans é implantar unha atención integral centrada na persoa, de aí que ofrezan unha visión familiar e comunitaria da acción do centro de saúde, achegando unha maior equidade, accesibilidade e proximidade no trato ao paciente.
Xunto ao anterior, hai que sumar unha mellor organización das axendas dos profesionais e o desenvolvemento da función comunitaria dos centros de saúde, co obxecto de que os traballadores de cada centro participen en labores de promoción e prevención da saúde en colaboración cos servizos do seu concello, cos centros educativos, os servizos sociais, as asociacións e a cidadanía.
Tal e como subliñou Estrella López-Pardo, cada plan inclúe un conxunto de accións definidas por parte dos responsables dos servizos de primaria, e, pola súa parte, as xerencias das áreas sanitarias adquiren un compromiso de colaboración e soporte, o que supón que estes plans son a mellor radiografía da saúde da veciñanza de cada unha destas localidades.
Na sinatura destes plans reflíctese o resultado do compromiso dos grupos de traballo de cada servizo de atención primaria. Trátase, -proseguiu a xerente-, de equipos multidisciplinares integrados por persoal médico, de enfermería, farmacia, odontoloxía, traballo social, matronas, hixienistas e de xestión. A todos eles, Estrella López-Pardo agradeceulles o seu traballo na procura dunha maior calidade asistencial.
Enquisas a usuarios e profesionais
Cómpre remarcar que as enquisas realizadas polo departamento sanitario galego, tanto a usuarios como profesionais, sobre os plans locais de saúde, reflicten altas valoracións dos mesmos. En concreto, a valoración media dos usuarios de todas as áreas sanitarias supera unha puntuación de 4 sobre 5.
Foro de boas prácticas
Con posterioridade ao acto de sinatura, tivo lugar un foro de boas prácticas na implementación de Plans locais de saúde. A primeira das mesas deste foro foi moderada pola xerente do Sergas, e nela abordouse o estado de situación e futuro dos plans. Na segunda das mesas, moderada polo director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, falouse das boas prácticas en xestión da demanda, eficiencia, seguridade, aprendizaxe, innovación e motivación.
As boas prácticas en prevención, paciente crónico e domiciliario, foi o tema tratado na terceira das mesas, que estivo moderada por Consuelo Benito, da Dirección Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria. Para rematar o foro, Carmen Durán, directora xeral de Saúde Pública, moderou unha mesa sobre boas prácticas en accións comunitarias na atención primaria.