Friday 22 de November de 2024

“Carballo, lugar de afectos”, un calendario para fomentar o apego e a liberdade de ser e sentir todos os días do ano


Carballeses, carballesas e persoas de fóra que no noso concello séntense coma na casa protagonizan o almanaque do 2024

Tres mulleres que apostaron pola maternidade en solitario, unha parella do mesmo xénero, unha de tantas avoas que coidan dos netos a diario, persoas unidas por lazos familiares, pola amizade ou polo amor, familias numerosas, persoas entregadas ao coidado dos animais, que aman a música, o mar ou o noso pan, persoas de fóra que regresan cada ano porque aquí séntense coma na casa… Todas representan a Carballo e todas forman parte do noso calendario para o 2024, porque Carballo é un lugar de afectos, onde queremos gozar da liberdade de ser e sentir todos os días do ano. E como un novo ano é como unha nova vida, na portada temos como protagonistas aos xemelgos Pablo e Elena, que teñen só unhas semanas de vida e que representan o apego que queremos que medre ao noso carón.
Carballo, lugar de afectos é o título do calendario que presentamos este sábado na Biblioteca Rego da Balsa, coa participación de moitos dos seus protagonistas, e que poderás recoller de balde, ata fin de existencias, tanto na propia biblio coma no Museo de Bergantiños.
Na presentación participaron a concelleira de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret; o alcalde, Evencio Ferrero, e o fotógrafo carballés Marcos Rodríguez, autor das imaxes que ilustran o almanaque do 2024 e que se amosou moi orgulloso do traballo, “porque eu son de Carballo, é o meu pobo e alá onde vou lévoo no sangue, por iso me fai especial ilusión”, dixo.
“Os pobos fórmanos as persoas, e en recoñecemento a toda a xente de Carballo faise esta síntese dos distintos apegos e dos distintos afectos que pode haber nunha sociedade. E neste calendario podes ver mes a mes como aparecen persoas que sodes o presente e o futuro de Carballo”, comentou o alcalde, que, ao igual que a concelleira, expresaron a súa admiración polo traballo e Marcos Rodríguez e agradeceron a colaboración de tantos veciños e veciñas, “que sodes os auténticos protagonistas”.
Moitas grazas a Elena e Pablo, o seu irmán e os seus papás, porque non podiamos ter unha portada que transmitise máis afecto e tenrura; ás mamás de Simón, Iago e Rodrigo; a Xusto e Marcos; a Mari e os seus netos Enzo, Leo, Samuel e Mario; a Carlos, Javier e María; a Rachele, Óscar, Frida, Dante e Cuba; á comisión de festas de Artes; a Rodrigo e ao mar de Razo e Baldaio; a Ana e Alberto; a Lina, Tirso, Adela, Gema e Miguel; a Cristina e José por visitarnos cada ano desde hai xa 18; a Manuel, Carmen e Jesús Manuel, e Araceli, Antonio e Cecilia. Todas e todos representan o Carballo que queremos.