Friday 22 de November de 2024

O BNG de Culleredo recorre a suba dun 35% na taxa do lixo


É un aumento sen precedentes do que nos enteramos pola prensa

O anuncio do Consorcio das Mariñas caeu en defectos de exposición pública e presenta dúbidas de lexitimidade

O Consorcio das Mariñas —integrado polo Concello de Culleredo e outros municipios da área metropolitana da Coruña— vén de publicar a suba da taxa pola prestación do servizo de recollida, transporte, tratamento e eliminación de lixos e residuos urbanos, que ascendería un 35%. O aumento, cunha dimensión sen precedentes, foi aprobado con total discreción e apenas nos enteramos pola prensa.

O BNG de Culleredo presentou un recurso de reposición contra a aprobación da suba do recibo do lixo por considerar que non cumpre coas obrigas legais de exposición pública, xa que non achega o expediente relacionado, vulnerando os dereitos cidadáns e as obrigas de transparencia da administración.

Por outra banda, o Consorcio das Mariñas é un organismo que se atopa en proceso de extinción, polo que non queda clara a súa competencia. Ademais non é competencia súa regular ordenanzas municipais, xa que esta corresponde ao Pleno da Corporación de cada concello, segundo a Lei de Bases del Régimen Local.