Saturday 16 de November de 2024

A Xunta executa actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos dos ríos Belelle e Basteiro no concello de Neda


― Estes traballos están levándose a cabo en treitos interurbanos destes dous ríos para eliminar os arrastres das últimas riadas

― Estas intervencións engádense ás actuacións de mantemento que se veñen realizando nas áreas con risco potencial de inundacións

― As tarefas céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos

― Augas de Galicia continúa a traballar na mellora dos leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza en treitos interurbanos do río Belelle e do río Basteiro, ao seu paso polo concello de Neda.

Estes traballos comezaron polo río Basteiro e enmárcanse nas actuacións de mantemento que se veñen realizando nas áreas con risco potencial significativo de inundacións.

As actuacións que se están a desenvolver nestes ríos desenvólvense nos seus percorridos por distintos lugares do municipio coruñés.

As tarefas comezan pola retirada de árbores e ramas caídas na canle, que en moitos casos foron depositadas polo caudal de avenida consecuencia das fortes precipitacións.

Puntualmente acométense traballos de apeo de árbores inclinadas e poda de ramas, nas que se detecte claro risco de caída e que poden ocasionar barreiras que dificulten a normal circulación do caudal.

As actuacións inclúen a retirada de obstáculos naturais que ocasionen dificultades para a normal circulación, así como a roza selectiva de acceso a canle.

Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa no ámbito territorial da zona Galicia-centro e nas súas zonas de acceso e protección.

Estas intervencións da Xunta contribúen á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais dos ecosistemas que favorezan os aspectos medioambientais e o uso social na contorna dos ríos.