Destaca a implicación de alumnado e profesorado neste programa, que achega información de interese e de utilidade a centros de ensino de toda Galicia
As xornadas inclúen formación en comunicación redes sociais, oratoria ou a desinformación e a intelixencia artificial
A directora xeral de Xuventude, Participación e Xuventude, Cristina Pichel, mantivo hoxe dous encontros con mozas e mozos que participan no programa Correspondentes Xuvenís, no que actúan como difusores de axudas, iniciativas e actividades de interese nos seus centros de ensino. Arredor de 270 estudantes dunha trintena de centros se dan cita, en horario de mañá e tarde, nestes encontros de carácter formativo, que se celebran no Complexo CEMAR de Mondariz-Balenario e nos albergues xuvenís de Allariz e Mariña Española en Bergondo.
Cristina Pichel agradeceu a implicación de alumnos e profesores neste programa, e destacou tanto o labor informativo como de dinamización do día a día que realizan nos seus centros. Ao respecto, puxo en valor a importancia dos ‘correspondentes xuvenís’ para achegar aos seus compañeiros e amigos toda a información que lles interesa e que lles é de utilidade.
A directora xeral destacou que o programa Correspondentes Xuvenís é tamén unha ferramenta para mellorar as habilidades comunicativas e sociais da xente nova, favorece que asuman responsabilidades e potencia valores como a colaboración ou o liderado. Ademais, aos alumnos que fan nos seus centros de ‘correspondentes’ recoñéceselles a súa participación cun certificado de experiencias en educación non formal en materia de xuventude.
O programa dos encontros de hoxe inclúe formación no manexo de redes sociais, comunicación, oratoria, e a desinformación e a intelixencia artificial. Así mesmo, os participantes teñen que preparar unha exposición para expoñer en público.