― O delegado da Xunta explicou que con esta actuación mellorouse o illamento e a confortabilidade deste patio un dos espazos de convivencia e xogo protexido da choiva
― A obra enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que ten por obxectivo adaptar os centros educativos ás novas necesidades do ensino
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde da Laracha, José Manuel López, supervisaron o remate das obras do cambio de cuberta do patio interior do CEIP Otero Pedrayo que contaron cun orzamento de 48.000 euros.
Os traballos consistiron na retirada da actual cuberta de fibrocemento, para o que se elaborou o protocolo de desamiantado regulamentario. A nova cuberta esta executada cun panel sandwich formado por dúas chapas de aceiro galvanizado de 0,5 mm de espesor. Na nova cuberta dispóñense unhas bandas lonxitudinais de material traslúcido para ter iluminación natural no espazo baixo a cuberta. Ademais instaláronse todos os remates necesarios en chapa de aceiro galvanizado con protección HDX, un canlón de aceiro inoxidable e unha novas baixantes de pvc para o correcto funcionamento da cuberta.
A finalidade da obra foi acadar as condicións axeitadas de uso no espazo baixo a cuberta así como mellorar as condicións térmicas deste espazo.
A actuación enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para o deseño dos centros educativos do século XXI e para a adaptación dos existentes ás novas necesidades do ensino.
Trenor lembrou que Galicia conta desde 2021 cun Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica co fin de adaptar os centros escolares ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas, cun investimento de 243 M€ nesta lexislatura.
Trátase dunha iniciativa pioneira que busca reforzar un novo modelo de colexios e institutos na etapa poscovid, onde a arquitectura teña unha orientación educativa vinculada ás novas metodoloxías de aprendizaxe.
Neste sentido, o plan propón a creación de espazos flexibles e multidisciplinares para a convivencia da comunidade educativa. No caso do colexio Otero Pedrayo o proxecto contemplou o cambio de cuberta do ximnasio. Deste xeito mellorouse o illamento deste espazo protexido da choiva que permitirá o desenvolvemento de actividades ao aire libre dos alumnos con máis confortabilidade.
Obras comarca Bergantiños-Costa da Morte
Na visita o representante do Goberno galego lembrou o desenvolvemento do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica na comarca de Bergantiños-Costa da Morte, a folla de ruta para a modernización dos centros educativos cun novo modelo de escolas poscovid. A día de hoxe, a Xunta de Galicia ten comprometidos con esta comarca 3,6 millóns de euros en grandes obras en 12 centros educativos desta área nos concellos de Cabana de Bergantiños, Carballo, Camariñas, Cee, Coristanco, A Laracha, Laxe e Ponteceso. Estas actuacións atópanse en distintas fases: rematadas, en execución, en licitación ou para próxima licitación este ano.
Ademais, este ano tamén se levaron a cabo 17 obras menores en colexios e institutos da comarca por mais de 150.000 euros nos concellos da Laracha, Camariñas, Carballo, Cee, Corcubión, Coristanco, Fisterra, Laxe, Ponteceso e Zas, entre as que se atopa a renovación da cuberta realizada no ximnasio do CEIP Otero Pedrayo.