O Concello de Oleiros recibirá 3 galardóns europeos que recoñecen como sendeiros azuis europeos a costa libre do municipio, o Monumento Natural e o Bosque de Xaz. O elevado número de quilómetros de paseos e sendeiros existentes a carón do mar ao longo de todo o litoral e a desprivatización e conservación do Bosque de Xaz fai posible este importante recoñecemento.
A entidade europea ADEAC, que entrega estes prestixiosos galardóns; analiza a preservación e mellora das condicións ambientais existentes, a seguridade e facilidade de uso para os visitantes, e unha xestión integrada e coherente dos valores naturais, históricos, culturais e etnográficos que conforman o noso patrimonio litoral. A costa de Oleiros, desde a ría da Pasaxe ata Lorbé, e o Bosque de Xaz cumpren claramente con todos estes criterios de valoración.