O concelleiro de Festexos, Francisco Suárez-Puerta e a concelleira de Cultura, Antía Alberte, presentaron hoxe o concurso de embelecemento de fachadas, balcóns e xardíns para todas as parroquias de Ribeira.
“Trátase dunha actividade promovida polo Concello de Ribeira co obxectivo de poñer en valor, incentivar e dinamizar a participación co tecido económico do municipio mediante a creación da decoración de fachadas, balcóns ou xardíns realizada nas vivendas do municipio” explicou Suárez-Puerta.
Poderá participar no concurso calquera persoa empadroada no municipio de Ribeira de xeito individual ou colectivo, maior de idade. A decoración deberá estar exposta dende o venres 15 de decembro de 2023 ata o sábado 6 de xaneiro de 2024, ambos os dous incluídos.
As persoas participantes deberán enviar ata o 20 de decembro de 2023 un máximo de 3 fotografías nas que se poida apreciar e valorar a decoración realizada. O Xurado do concurso estará composto por cinco persoas das cales dous serán representantes do sector da hostalería e dous do sector do comercio.
“O concurso outorga premios cun importe total de 6.750,00 €, distribuídos en tres categorías e tres premios para cada unha das nove parroquias do Concello de Ribeira. O primeiro premio é un bono regalo por valor de 400 euros para gastar no comercio local, o segundo premio; unha cesta por valor de 200 euros, e o terceiro unha cesta por valor de 150 euros.” explicou Antía Alberte.